José Conde estivo máis de 40 anos levando o mando deste muíño, lugar onde as augas teñen propiedades sanadoras
Laura Moure/IsmaelRS/Arzúa Os muíños forman parte da nosa Historia e o de muiñeiro é un dos oficios en perigo de extinción. En Lema, Arzúa, hai unha mostra desta arquitectura popular que é coñecido como o muíño de Conde ou da Fonte Santa, que data o século XX. Neste lugar deita as súas augas do río Iso a Ponte Santa, tal e como informa un panel no propio lugar. Son augas axofradas con propiedades sanadoras para o aparello dixestivo. Segundo conta a lenda, estas augas teñen sabor e cheiro a azofre porque unha moura, que se afanaba de facerse coa trabe de ouro, foi castigada e convertida en estatua dese material e soterrada para sempre nas medorras. De alí proceden as augas da fonte e da moura convertida en xofre collen o seu cheiro característico. “Dise que se bebes a auga desta fonte nove días durante a lúa vella de agosto, non terás catarro todo o ano”, conta o arzuá David Furelos.
Autor: Ecos da Comarca.
A capela é unha mostra de cristinización do culto ás fontes que practicaban os nosos devanceiros. Tal e como recollen José Ramón Soraluce Blond e Xosé Fernández Fernández no seu libro: Arquitectura da provincia da Coruña. Arzúa, Boimorto, O Pino e Touro, a carballeira que rodea a este santuario e a proximidade desta fonte de augas mineromedicinais, vincula este tipo de lugares a ritos hidrolátricos ancestrais, frecuentes en toda a xeografía galega. Actualmente, esta capela está baixo a advocación da Virxe do Rosario.
A capela.
Autor: Ecos da Comarca.
Neste enclave nace o Roteiro da Fervenza das Hortas que abarca a Torrente de Maroxo, que remata no coto do mesmo nome, e no encoro de Portodemouros que foi construído no ano 1969 na cunca do río Ulla, no límite das provincias de A Coruña e Pontevedra.
Neste entorno atópase o muíño da Fontesanta ou o muíño de Conde, que é de titularidade privada e deixou de estar inoperativo fai algo máis dunha década. Hai un ano falamos con José Conde Vázquez, que daquelas tiña 87 anos, e contounos con nostalxia na súa casa de Viñós (Arzúa) os seus anos ao mando deste muíño. “Toda unha vida estiven alí, 41 anos”, comentounos botando a vista atrás. Carpinteiro de oficio, Conde decidiu mercar este muíño no 1975. Lembra perfectamente esa data. “O 8 de maio e o 16 xa estaba traballando porque xa sabía como funcionaba porque aquí tamén había muíño”.
Dende entón, acudía a moer día si e día non e foron moitas as horas que coleccionou entre esas catro paredes. “Viña xente de distintas zonas, tanto do arredor, como de Lalín, Vila de Cruces ou Santiago, ou incluso de Carral. O muíño era escravo. Agora xa non é igual que os sacos son de 25 quilos, pero antes eran de catro ou seis ferrados, é dicir, uns 36 quiilos”, explicounos este muiñeiro, que tamén mercou unha malladoira, elaboraba sidra polas parroquias, ou incluso, exercía de practicante, como el define este oficio, dando inxeccións a quen as requería. “As inxeccións o peor é que tiña que dalas de seis en seis horas”, apunta. O anterior propietario do muíño era Manuel Fernández, natural de A Pastoriza, e el vivía tamén alí.
Traballan millo, centeo, trigo, e incluso, fabas. “Antes había que ir nas bestas ou nas burras. Aínda está alí no muíño o pau para prendelas. Nos últimos anos, xa era diferente porque a xente xa viña nos coches”. Este muíño xa ten moitos anos de historia. “Fixeron o muíño cando miña nai era noviña, que ía cas ovellas e vía baixar as señoras co xantar para os obreiros. E ela naceu no ano 1910”, apunta a muller de Conde.
O salario dependía do que se fixese. “Non había un xornal fixo, dependía da cantidade de clientes que houbese e se non había xente dáballe ao fouciño alí fóra ou escoitaba a radio, pero veu por alí un raspiñeiro e levouma”, lembra Conde. El traballaba só aínda que nos últimos tempos íalle axudar a súa muller, Inés Barco Pampín, quen estaba afeita a irse a durmir sen José. “Eu viña durmir á casa, pero igual chegaba ás catro da mañá”, lembra o muiñeiro, quen sempre vivíu en Viñós e da súa vivenda ao muíño hai uns catro quilómetros e tiña que ir andando. A ela pouco lle gustaba o traballo alí. “Había moitos homes e moi amoladores. Contaban cada conto! Eu xa marchaba. Era moi duro e el traballou moito de noite. Chegaba tarde, pero eu tan pronto cenaba ía para a cama. Viña andando, pero os camiños eran máis tranquilos que agora, porque non había tanto coches coma agora”, recalca Barco.
Este matrimonio tamén foi testemuña da importancia das augas onde se asenta o seu muíño. “Antes ía moita xente a tomar as augas”, indica Inés Barco. “Ata ían os médicos!”, engade o seu marido. “Había médicos alí en Arzúa que non as perdían por nada, incluso viñan de Madrid, e botaban alí unha tempada”. Agosto era o mes idóneo para tomalas. “Na lúa de agosto. E cando os labradores traballan tanto tomábana en outubro porque as augas hai que tomalas e gardarlles unha vixilia de nove días. Non se pode beber auga fría, nin comer alimentos fríos…”, explica a muller, quen as tomou algunha vez. “Teñen mal cheirume, pero non saben mal”, apunta. Din que son boas para o catarro máis para as patoloxías pulmonares. “Meu pai tomounas, que padecía moito do estómago e íalle ben. Miña nai padecía dos ósos e ía aos baños a Santa Minia”, conta Barco.
A festa da malla
Con solo conversar uns minutos con José, calquera se dá conta de que sente nostalxia do seu oficio. “Eu bótoo moito de menos. Alí témolo pasado moi ben”. Son moitos os recordos que garda de todos eses anos, entre eles unha festa moi especial, como a da malla. No muíño teñen un forno e cando se celebraba esta cocían alí o pan. De feito, Conde no 1955 mercou unha malladora e a festa fíxose 12 anos. Cada edición mallábase nunha finca dunha parroquia distinta e despois ían moer ao seu muíño. “O último ano fixémola na Mella, que xa se fixera outra vez”, lembra.
Ademais do forno, o muíño ten unha bodega, un pendello, onde se resgardaban as bestas, e “ten un sitio moi bo para unha cociña, pero nós non lle ampliamos nada”, comenta Inés Barco. E o muíño ten tres pedras diferentes, segundo o cereal que moa, e chegaron de lugares distintos: Albeira, de Portugal, a Chispa (para o centeo), de Francia, e a do millo de Holanda. Ata aquí tamén se acercaban os panadeiros. “Algúns viñan a moer, que traían entre 30 e 50 ferrados de trigo, panadeiros como o Cristobo de Arzúa ou viña un de Carral que levaba o trigo”, relata o muiñeiro.
Sen dúbida, este matrimonio ten o baúl cheo de bos recordos.
Comments