top of page
Foto del escritorecosdacomarca

Os restaurantes cren que a ampliación do horario non repercutirá apenas ao non dar servizo de ceas

As reservas para esta ponte están sendo boas, aínda que para algúns nada que ver coas que habería senón houbese a pandemia


Laura Moure

Despois de semanas pechados ou de ter que cerrar as súas portas ás seis da tarde, desde onte a maioría da hostalaría de Galicia ampliou o seu horario ata ás 21:00 horas, agás nos concellos ourensás de Vilardevós e Maside e do lucense de Paradela. Sen embargo, os restaurantes agradecen esta medida, pero consideran que non é a mellor ao non poder ofrecer o servizo de ceas no propio local. As reservas están sendo boas nesta ponte de San Xosé, pero non se parecen en nada as de anos anteriores.


A Parrilada Rabasa quixo agradecer á súa clientela escribíndollo, como se ve na imaxe.


"Para o meu negocio non me beneficia en nada, xa que ao estar enfocado sobre todo a ceas e consumo de copas nesa franxa horaria para min segue sendo moi pouquiña marxe. E a melloría, cerrando ás seis da tarde, foi pouca xa que a xente ten que dispoñer de pouco tempo dende que acaba de comer a poder seguir sentado na súa mesa facendo a consumición oportuna", indica Alberto Val, responsable da Taberna de Carmoega, sita nesta parroquia agoladesa. Esta ampliación tampouco servirá de gran axuda para recuperar todo o perdido. "A un bar por exemplo si, pero unha parrillada case nos é o mesmo ás seis que ás nove xa que ao non haber ceas pouco vamos notar a marxe que nos dan. E cando tiñamos que pechar ás seis as fins de semanas facíase corto xa que a xente vén xantar tarde e a sobremesa era curta e agora ata as nove téñeno mellor", apunta Daniel Limia da Parrilada Rabasa, de Silleda.


Pola contra, ós bares este horario dálles folgos, pero hai tamén quen decide non ampliar a súa apertura, como o Bar Ameixa de Arzúa. "Nós desde xullo do ano pasado só abrimos dende ás seis da mañá ás 15:30 horas. E non sei cando volveremos abrir polas tardes. Aínda que penso que pechar ás nove da noite para a hostalaría, sobre todo para os restaurantes, non os benefician, aínda que é certo que lles dan máis marxe para as comidas, xa que se poden alargar", opina Raquel Rey, camareira do Ameixa. " Pero ao cerrar ás 18:00 horas a clientela o saír de traballar non tiña onde tomarse unha cerveza", engade.


O feito de que os non convivintes non se poidan reunir nos domicilios, pero si noutros sitios... beneficiará á hostalaría? Aquí hai opinións dispares. "Penso que non non vai a repercutir en nada xa que dispoñemos de moi pouca marxe en xuntanza de xente convivinte e incluso, a xente non ten a suficiente confianza como para facer xuntanzas na hostalería por agora", sinala Alberto Val. Mentres Limia considera que iso é positivo para recalcar que a hostalaría cumpre todas as normas para loitar contra a Covid-19. "Iso é algo bo xa que na hostalaría non se producen os contaxios senón despois nas xuntanzas das casas". En isto tamén coincide Raquel Rey. "O feito de que non deixen reunirse nunha casa e si nun restaurante imaxino que é porque nas casas, en moitos casos, non poñemos as máscaras e nos bares e restaurantes si. Non sei se isto será bo ou malo para a hostalaría, pero o que está claro é que en moitos seguirán reuníndose nas casas e xuntándose coa familia directa, deixen ou non".


Reservas

Coa chegada dunha ponte festiva ou das vacacións, como Semana Santa, un dos planes case que non podían faltar era saír a xantar ou cear a un restaurante. Isto agora é case un privilexio. Nestes días está habendo reservas, pero en moitos casos, están lonxe de ser o que eran antes da chegada do coronavirus. "Estou traballando por encima das previsións con encargas e pedidos, pero nada parecido o que tiña que ser en estas épocas anteriores", confesa Alberto Val. Mentres, Daniel Limia indica que "a xente estase animando e xa temos case o aforo completo para esta ponte".


Haberá que agardar ás vindeiras semanas para saber certamente se a ampliación deste horario axuda á hostalaría a coller folgos tras un ano cheo de obstáculos.





0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page