Os responsables de calidade do 96% do penso que se produce en Galicia estarán na feira agropecuaria Abanca Cimag-GandAgro 2025
- Laura Moure
- 13 feb
- 2 Min. de lectura
Terá lugar do 20 ao 22 de febreiro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda
Laura Moure/Silleda
A feira Abanca Cimag-GandAgro 2025, a cal terá lugar do 20 ao 22 de febreiro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra), suma outra xornada dirixida a un perfil técnico do sector gandeiro. Así, a 17ª edición da xornada técnica para responsables de calidade de fábricas de pensos Galis reunirá a estes profesionais para analizar a nova regulación de envases e aspectos prácticos do regulamento 2024/1229, ademais doutros temas de interese. Esta cita, que terá lugar o venres 21 de febreiro, está organizada polo sistema de control Galis Alimentos Seguros, creado en 2005 e do que forman parte 59 fábricas de alimentación animal que representan o 96% da produción de pensos de Galicia, sobre o 50% de Asturias e o 45% de Cantabria.

A xornada, que presentará o director da Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), Bruno Beade, comezará abordando as actualizacións do programa Galis e a xestión de micotoxinas no sistema, por parte de Luísa Delgado, responsable do Departamento Técnico de Agafac. A continuación, expoñerase o regulamento 2024/1229 e os seus aspectos prácticos na fabricación de pensos, sendo o encargado Eugenio Cegarra, director técnico e asuntos regulamentarios de De Heus Nutrición Animal.
Publicidade
O terceiro dos relatorios versará sobre a nova regulación xurídica de envases e residuos de envases, a cargo de Lucía Botana, responsable de Medio Ambiente de Coren Agroindustrial. A última das intervencións centrarase nas desviacións detectadas en inspeccións en 2024 e programación de control e mostraxe oficiais en 2025. Expoñerá estes aspectos José Antonio Varela, xefe de área do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Xunta de Galicia.
Novo centro corporativo
Por outra banda, no encontro explicarase que a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) ten prevista a construción durante 2025 e 2026 dun novo centro corporativo para o control da calidade e seguridade alimentaria das materias primas utilizadas para a fabricación de penso en Galicia.
Este novo centro seguirá desenvolvendo as actividades do sistema Galis no Porto Exterior de Punta Langosteira, en A Coruña, onde entra sobre o 60% das materias primas para elaboración de pensos. Este sistema sectorial de control de pensos de Galicia contará así con maiores e mellores instalacións para realizar os seus labores.
Comments