top of page

Os queixos galegos triunfan na capital de España

O conselleiro do Medio Rural presidiu esta tarde na Casa de Galicia en Madrid o acto de promoción dos queixos de Galicia “Irmáns de leite”


Laura Moure/Xeral

O conselleiro do Medio Rural, José González, salientou hoxe o importante papel que desempeñan as certificacións de calidade na acreditación, identificación e posicionamento dos produtos agroalimentarios galegos. Fíxoo no acto de promoción dos queixos de Galicia “Irmáns de leite”, celebrado na Casa de Galicia en Madrid e no que se puxo en valor a excelencia dos queixos Arzúa-Ulloa, Cebreiro, San Simón da Costa e Queixo Tetilla, todos eles amparados por cadansúa denominación de orixe protexida (DOP).


Na súa intervención, o conselleiro destacou que estes selos de identidade e calidade diferenciada permiten protexer o “bo facer” dos agricultores e gandeiros e tamén o produto final. Engadiu, neste sentido, que a certificación tamén contribúe a protexer o produto na orixe, e “coa orixe refírome ao agricultor, ao gandeiro, ao produtor”, remarcou.


Publicidade

Na mesma liña, José González sinalou que resulta “indispensable” dar a coñecer estes produtos e incidir na calidade que lles precede. Así, explicou que o esforzo que fai a Xunta por motivar o seu consumo comeza na explotación máis pequena de Galicia e esténdese con forza por toda a comunidade, a través de toda a cadea, ata chegar aos queixos. E fixo especial fincapé na importancia de asegurar a calidade que distingue a Galicia, as “Experiencias de calidade” que se identifican cos 37 selos cos que conta a nosa comunidade, entre denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.


Binomio lexislativo

Para facer efectiva a protección e a promoción destas producións, o conselleiro indicou que a Xunta traballa, entre outras liñas, nun “binomio lexislativo” composto pola futura Lei da calidade alimentaria e pola vixente Lei de recuperación da terra agraria. En canto á primeira, aseverou, constituirá a máxima expresión dacalidade alimentaria e con ela establecerase máis control e mellores garantías, consolidando os produtos galegos nos diferentes mercados e posicionando a nosa comunidade como referente na produción de calidade.


Publicidade

Con respecto á Lei de recuperación da terra, José González advertiu que a adecuada ordenación e xestión do territorio é o antecedente primordial da implantación de actividade sustentable e rendible no rural. Nesta liña, lembrou que grazas aos instrumentos desta norma estanse mobilizando arredor de 10.000 hectáreas de superficie en toda Galicia e moitas delas están satisfacendo unha das demandas dos nosos gandeiros, que pasa por obter máis e mellor base territorial.


Como terceiro elemento de traballo, a maiores deste binomio lexislativo, o conselleiro mencionou tamén as estratexias sectoriais e, nomeadamente, a de dinamización do sector lácteo. Este documento, recordou, inclúe entre os seus obxectivos o de aumentar o peso das denominacións de orixe protexidas de queixo galegas na transformación industrial láctea, adaptando os formatos e os envases ás novas demandas de consumo.


Ademais, González referiuse a outra das metas que marca a devandita Estratexia, como é a de chegar a transformar en Galicia o 75% do leite producido. Neste sentido, puntualizou que actualmente transfórmase xa en Galicia o 63% do leite producido na comunidade.

Excelencia queixeira

O evento “Irmáns de leite” serviu para exaltar na capital de España a excelencia dos catro queixos galegos con DOP, presentando as súas peculiaridades e ofrecendo unha degustación destes produtos de calidade, que teñen en común a súa elaboración a base de leite galego de vacas rubia galega, frisoa, pardo alpina e os seus cruzamentos.


Os asistentes a este acto de promoción foron recibidos cun viño espumoso galego e, tras o saúdo institucional, puideron participar nunha presentación e cata comentada, conducida por Salomé Beiroa, experta catadora neste tipo de produtos de calidade. A continuación, ofreceuse unha demostración culinaria por parte dos chefs José Manuel Mallón e Miguel Fernández Vidal, ambos os dous embaixadores de Experiencias de calidade. Ademais, habilitáronse tamén postos de queixerías das DOP que amosaron e deron a degustar o seu produto.





0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page