"Dende sempre tiven especial interese pola cociña, sobre todo dende cativo cando as miñas avoas facían algún tipo de elaboración relacionada coa panadaría ou ca repostaría"
ENTREVISTA AO CHEF MELIDENSE MANUEL GAREA
Laura Moure/Melide
O restaurante Carlos 96 de Melide acollerá este mércores, día 19, un showcooking a cargo do reputado chef melidense Manuel Garea. Ao longo da súa traxectoria xa coleccionou diversos éxitos e actualmente, tamén imparte formación na UAF Melide da Xunta de Galicia e no Pazo de Cores, entre outros lugares.
1. Como e cando xorde a súa paixón pola cociña?
Dende sempre tiven especial interese, sobre todo dende cativo cando as miñas avoas facían algún tipo de elaboración relacionada coa panadaría ou ca repostaría. E sendo moi novo, comecei a formarme na escola de hostalaría de Santiago de Compostela, actualmente coñecida como o “CIFP COMPOSTELA”.
2. Decantase por algún produto en especial á hora de cociñar ou nas sobremesas?
A verdade é que sería moi difícil elixir tendo en conta a gran despensa coa que contamos en Galicia. Todos valorizan un prato ou unha sobremesa e van aportar moita personalidade. Se me tivese que decantar, os vexetais, os lácteos, etc. Serían algúns exemplos entre a ampla gama de produtos.
3. Que o levou a ser chef?
Ese é un termo un pouco perigoso (risas). Moitas veces, neste país empregase para referirse a calquera que colla unha tixola na man, aínda que nunca pisase unha cociña de xeito profesional, sen formación, nin experiencia. Digo unha cociña como poido dicir un obradoiro de panadaría ou pastelaría. Os que nos formamos en Francia, temos un profundo respecto por esa palabra. Iso gáñase con traballo, disciplina e rigor.
4. Aposta moito pola innovación?
Todo o que sexa mellorar e poder ofrecer novidades, benvido sexa. Certo é, que hai que ter moi presente e respetar a tradición. Moitas veces querer innovar tanto, pode ter resultados negativos. Pero si, aposto pola innovación.
5. Tamén imparte clases. Que consellos lle dá ao seu alumnado?
Si, na Unidade de Acción Formativa da Xunta de Galicia en Melide. Sobre todo que continúen formándose ou que intenten ter claro o que realmente queren facer ao rematar o curso. Os certificados que imparto, son accións formativas para persoas desempregadas, e a súa finalidade é que o alumnado poida atopar un posto de traballo nesta especialidade. Neste último curso, dous alumnos decidiron presentarse as oposicións convocadas polo Sergas.
6. Como foi a experiencia de formar parte do programa Come a Comarca da TVG?
Foi estupenda, todo un luxo formar parte do equipo do programa que tan ben me acolleu e tratou. Tamén foi unha chegada de aire fresco, tendo en conta as restricións que había que cumprir en pleno confinamento. Son moitas anécdotas e aventuras vividas en distintos puntos da xeografía galega, que o fai todo máis especial.
7. Supoño que foi un orgullo que gañase a súa comarca e demostrar que en Melide hai grandes profesionais.
Dende logo que si, daba gusto velos traballar en equipo, como defenderon a comarca durante todo programa e a intensidade coa que viviron as diferentes etapas do concurso. Cada un co seu papel definido no grupo, e todos aportando en conxunto cando era necesario.
8. En que consistirá o showcooking que ofrecerá este mércores, día 19, no restaurante Carlos 96 de Melide ?
Vai ser unha xornada, enmarcada dentro do programa Sabores e Saberes do Camiño, na que o produto e os produtores serán os protagonistas. Algúns xa me acompañaron durante o programa Come a comarca e ca gran maioría xa fai anos que traballamos xuntos e compartimos varios eventos. Estarán presentes Xeados Borboriño, Porcelanicos Caenva, Ovos Castro Serantes, Finca Millo e Landras, Aceites Figueiredo, Casa Grande de Xanceda e como lugar de celebración o Hotel Carlos 96,
Comments