Isto dá idea do peso desta comarca no rural galego, tal e como indicou José Balseiro durante unha visita a unha granxa de Rodeiro
Laura Moure/Rodeiro
A Xunta destinou en 2020 un total de 7,1 millóns de euros ás axudas para plans de mellora, para fomentar a incorporación de mozos ao agro e para pequenas explotacións na provincia de Pontevedra. Estas achegas beneficiaron 141 agricultores e gandeiros, segundo destacou este venres o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, durante a súa visita a unha explotación de vacún de leite no municipio pontevedrés de Rodeiro que tamén foi beneficiaria destes fondos na convocatoria de 2019. O director xeral estivo acompañado neste acto polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, exalcalde deste municipio.
Balseiros puxo tamén en valor a positiva incidencia que teñen estas subvencións no agro da comarca do Deza. Así, salientou, nesta bisbarra recibíronse axudas por importe de preto de seis millóns, o que supón case o 82% de toda a provincia de Pontevedra. Destas achegas, 36 expedientes corresponden a mozos que se van incorporar (o dato representa máis do 76% do total provincial e case o 13% do global galego) e 58 son beneficiarios de plans de mellora, o que supón máis do 70% dos da provincia de Pontevedra e arredor do 8% en relación ao dato de Galicia.
Nesta mesma liña, o titular de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias indicou tamén que no conxunto da nosa comunidade, e só na convocatoria de 2020, aprobáronse un total de 1.206 subvencións, cun orzamento que superou os 43 millóns de euros e avanzou que para o vindeiro ano están consignados para este mesmo fin un total de 49 millóns de euros nos orzamentos da Consellería do Medio Rural. Dentro destes máis de 1.200 expedientes, un total de 278 mozos galegos poderán incorporarse á actividade agrogandeira este ano a través desta contribución, salientou o director xeral. Do resto de axudas, 715 corresponden a plans de mellora e 213 a pequenas explotacións.
José Balseiros explicou que as tres liñas de axudas están concibidas para garantir a remuda xeracional no sector primario e, en consecuencia, a fixación de poboación nas aldeas. Serven tamén para apoiar os investimentos nas granxas -apostando pola súa competitividade e rendibilidade- e para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que -xunto coas de mediano tamaño- son as que definen en esencia o agro galego, remarcou.
Comments