Os Pendellos de Agolada acollen a presentación do libro infantil “O tesouro do Castro da Veiga”
- Laura Moure
- 9 oct 2024
- 3 Min. de lectura
Será o venres, día 11, na Casa Museo
Laura Moure/Agolada
A Casa Museo dos Pendellos de Agolada, acolle este venres 11 de outubro, ás 20:30 horas, a presentación do libro infantil O tesouro do Castro da Veiga, publicado por Edicións
Fervenza, e do que Xoán Carlos García Porral é autor do texto, Santiago Gómez Fuentes
foi o encargado da realización do xogo que se pode atopar neste libro e ao que se accede a través de internet e Gabriel Iglesias Sanmartín se encargou de darlle vida a través das
ilustracións. No acto participarán os autores Xoán Carlos García Porral e Santiago Gómez Fuentes, na compaña do membro do Colectivo Baluarte dos Pendellos, Manuel Busto.
Durante a presentación, que contará co acompañamento musical de Bico da Balouta, darase a coñecer o xogo dixital que se inclúe nesta publicación, o Xogo do tesouro do Castro da Veiga, con acceso a través de código QR.
O libro
O tesouro do Castro da Veiga preséntase como un álbum ilustrado a toda cor e en tapa dura, no que os lectores máis cativos descubrirán unha asombrosa lenda da comarca de Deza. Trátase da terceira parte da triloxía sobre a mourindade de Deza elaborada por Xoán Carlos García Porral, e publicada por Edicións Fervenza, cuxas historias son extensibles a toda a comunidade galega e a aquelas zonas nas que os mouros, mouras e tesouros forman parte do imaxinario colectivo.

A primeira obra en saír foi As tres mouras da Fonte Lantana dedicada ás mouras, a segunda Antón e a moura do Lameiro de Viana está dedicada aos mouros, mentres que esta última pretende ter como tema central os tesouros.
Unha triloxía ilustrada para nenos, mozos e maiores na que estes seres e obxectos mitolóxicos cobran vida e son postos en valor nunha época na que a perda da memoria
colectiva supón unha eiva na identidade comunitaria.
Tal como comenta o autor do texto, Xoán Carlos García Porral: “Coa adaptación desta lenda nun formato de conto infantil trátase de achegar aos máis cativos unha das tantas historias da tradición oral que, nos tempos nos que a lectura era un luxo para poucos, só as narracións contadas permitían transmitir ensinanzas con moita retranca e simbolismo
converténdose en parte da nosa propia cultura”.
Nese afán por protexer e transmitir o noso ás xeracións vindeiras, nace esta triloxía na que,
cunha simboloxía chea de aprendizaxe, os encantamentos e a avaricia se erguen como un
protagonista máis. Cabe destacar que as últimas páxinas dos tres títulos inclúen un apartado didáctico con explicacións e actividades para que os máis pequenos comproben o aprendido e descubran porque é tan importante manter vivas as lendas ancestrais.
Publicidade
Código QR
Ao igual que no anterior título, Antón e a moura do Lameiro de Viana, esta obra inclúe un
código QR con acceso a un xogo dixital no que aprender máis sobre a lenda deste libro, O
tesouro do Castro da Veiga.
O autor do xogo, Santiago Gómez cóntanos que a realización deste xogo: “Está pensado
para que sexa un cumprimento ao libro e así dunha maneira distinta teña unha función de
aprendizaxe ao que tanto as persoas cativas como as adultas poderán ter acceso de xeito
totalmente gratuíto”.
Colaboraron na publicación do libro
A publicación do libro “Antón e a Moura do Lameiro de Viana”, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
Kommentare