Acondicionarán os sendeiros e axudarán aos peregrinos
Laura Moure/Palas de Rei
Os participantes no campo de voluntariado da Xunta en Palas de Rei dinamizan o Camiño Francés acondicionando os sendeiros e axudando aos peregrinos. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias, achegouse ata o campamento Os Chacotes para coñecer de primeira man as actividades que se están a celebrar tanto no campo de voluntariado como no campamento xuvenil.
Fabiola García cos mozos participantes este luns en Palas de Rei.
Fabiola García puxo en valor este campo de voluntariado por ter como principal singularidade o Camiño de Santiago. Unha ducia de mozas e mozos de entre 18 e 30 anos participan nesta iniciativa na que se presta axuda con indicación, ánimo e conversa aos peregrinos que chegan nesta etapa desde Portomarín. Ademais, realizan acondicionamento dos sendeiros na contorna do Camiño para manter a beleza que posúe.
Así mesmo, a Conselleira de Política Social puido coñecer aos participantes no campamento que tamén se está a celebrar en Palas. Ao redor de 40 rapazas e rapaces de entre 12 e 14 anos desfrutan da segunda quenda do campamento de verán nos Chacotes, onde realizan multitude actividades como rocódromo, Kaiak, tiro con arco ou paintball.
Máis seguridade
A Xunta de Galicia puxo en marcha unha campaña de verán con actividades con todas as garantías de seguridade. Neste ano manterase e reforzarase o protocolo específico fronte á Covid-19 para facer desta programación unha opción de ocio seguro. A novidade deste protocolo é que os participantes e os monitores deberán realizar unha proba de antíxenos totalmente gratuíta á súa entrada no campamento. Durante a pasada edición non se rexistrou ningún caso positivo nin entre os seus participantes nin entre os profesionais.
Este ano na campaña O verán que mereces, o goberno galego oferta máis de 7800 prazas entre campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado. Isto é, 1000 prazas máis que as postas á disposición da mocidade galega o ano pasado.
Comments