top of page

Os 'Instagramers no Camiño" namóranse da Bandeira e da súa Festa da Empanada

Cristina Castaño, Xurxo Carreño, Roi Méndez, Natalia Maquieira, Luis Cepeda, Tamara García e José Lamuño foron recibidos por todo o alto nesta vila silledense


Laura Moure/Silleda

Cristina Castaño, Xurxo Carreño, Roi Méndez, Natalia Maquieira, Luis Cepeda, Tamara García e José Lamuño apoiaron a declaración da Festa da Empanada como evento de Interese Turístico Nacional.

A vila de Bandeira recibiu con honores aos “influencers” que están a realizar a Vía da Prata do Camiño de Santiago e que acumulan máis de tres millóns e medio de seguidores nas súas redes sociais, nas que amosan o seu día a día ao longo de todo o traxecto. Con motivo da súa chegada a Bandeira, a organización da Festa da Empanada decidiu sorprendelos cunha recepción a altura das circunstancias, logrando a implicación de toda a veciñanza e unha repercusión social sen precedentes.


Entradas as 10:30 horas, e logo de iniciar a etapa en Silleda, chegaban abraiados á entrada de Bandeira entre aplausos, bombas e música a cargo da Asociación Cultural Xirandola. Os fermosos vehículos históricos da empresa local Duro e Hijos foron os encargados de “pasear” ao famoso grupo por toda Bandeira; Cristina Castaño e José Lamuño saudaron á veciñanza subidos nun Morgan e o resto da comitiva sorprendeu ás decenas de persoas que saíron a rúa dende os impoñentes camións que promocionaban a Festa da Empanada.


A medio camiño, unha nova sorpresa, coa aparición dos Cabezudos de Bandeira, que acompañaron ao grupo ao son da música ata o Centro Cultural Vista Alegre. Xa no edificio histórico, a organización da Festa da Empanada fixo entrega duns obsequios especiais da celebración gastronómica creados en tempo récord pola empresa de deseño gráfico EMSE para, a continuación, probar as diferentes empanadas doadas pola Artesa de Nuria e Panadería Bouzada. No lugar, puideron escoitar os tradicionais “vivas” do Entroido de Bandeira e capturar imaxes do tradicional traxe.

Os “influencers” non dubidaron en promocionar nas súas redes sociais a cita gastronómica máis importante de Bandeira, apoiando ademais a súa declaración como evento de Interese Turístico Nacional. Estas múltiples accións nas súas contas sociais lograron unha gran repercusión e un elevado número de impactos a nivel nacional para a Asociación Amigos da Empanada, acercando un pouco máis a consecución do ansiado obxectivo.

Con moita música e empanada despediron a vila de Bandeira, prometendo volver nun futuro á Festa da Empanada e agradecendo unha benvida que nunca esquecerán.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page