top of page

Os ingresados nos hospitais públicos, tanto en planta Covid como Non Covid poderán estar acompañados

Esta medida tamén se estende ás unidades de Urxencias


Laura Moure/Xeral

O Servizo Galego de Saúde vén de presentar aos xerentes das sete áreas sanitarias de Galicia a actualización do protocolo para o réxime de visitas e acompañamento nos centros sanitarios galegos, adaptándoo á situación epidemiolóxica actual da comunidade galega. A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria lembra que continúan en vigor medidas e limitacións xerais, como respectar os aforos establecidos nas habitacións e outros espazos dos hospitais; estar en posesión do Certificado Covid, ademais do uso continuo da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal. Así mesmo, os acompañantes e as visitas de pacientes con infección por Covid-19, deberán facer uso do equipamento EPI para coronavirus.


O protocolo recolle os criterios a cumprir polos acompañantes/visitas dos pacientes e usuarios en diferentes ámbitos, como son: as unidades de hospitalización convencional; as UCI; en Urxencias; nas consultas externas, no acceso aos hospitais de día e probas diagnósticas; e nos centros de atención primaria.

ree

No caso das unidades de hospitalización convencionais, permitirase a presencia dunha persoa nas visitas ou acompañamento por cada un dos pacientes ingresados. As visitas serán posible durante os horarios establecidos a tal efecto. Así mesmo, no caso dos acompañantes autorizados (non as visitas), o acompañamento realizarase por unha persoas, que pode alternar con outra, fixándose un número máximo de dúas persoas por paciente, que se alternarán durante a estancia. En calquera caso, soamente poderá permanecer na habitación unha persoa por paciente ingresado.


De tratarse de persoas con infección activa por Covid-19, permitirase o acompañamento dunha persoa por paciente, debendo acceder á habitación co equipo de protección individual axeitado para o coronavirus, ademais de prohibirse os desprazamentos a outras unidades hospitalarias ou á cafetería do centro. Neste sentido, non se permitirá o acompañamento por aquelas persoas que teñan síntomas compatibles con Covid-19 ou que estiveran en contacto cun caso positivo nos últimos 10 días. Preferiblemente, deberá ser un acompañante que non pertenza a un grupo de risco (maiores de 70 anos, persoas con patoloxías crónicas ou inmunocomprometidos).


O protocolo subliña que a familia do paciente recibirá información puntual e diaria da súa situación clínica.


Contactarán por teléfono

Outras das novidades que recolle o protocolo, é que no caso de que un paciente empeore e non estea acompañado nese momento, o Sergas contactará por teléfono cos acompañantes autorizados para informar do cambio producido no seu estado de saúde.


Nas unidades de rehabilitación psiquiátrica e de hospitalización psiquiátrica, permitirase unha visita por paciente ao día, sendo necesario concertar unha cita previa no caso das unidades de hospitalización.

ree

No que atinxe ás Unidades de Coidados Intensivos, desenvolverase o réxime de acompañamentos e visitas ordinario que posuía cada unidade previo inicio da pandemia. No caso de pacientes con infección activa por Covid-19, as visitas poderán acceder co equipamento EPI axeitado para o coronavirus.


No referido a Urxencias, aqueles pacientes sen infección por Covid-19, poderán estar acompañados por unha persoa en todo momento. Non obstante, no caso de pacientes con infección activa, este acompañamento estará limitado durante un tempo limitado durante o período de observación, debendo o acompañante acceder co equipo de protección individual preciso para o coronavirus; e tendo prohibido os desprazamentos a outras unidades hospitalarias ou á cafetería do centro.


En consultas externas, no acceso aos hospitais de día ou o acceso a probas diagnósticas permitirase un acompañante por paciente, preferentemente convivente, e preferiblemente vacinado (esixirase o certificado covid-19 en hospitais de día oncohematolóxicos e unidades de diálise), ademais de non ter sido contacto nos 10 días previos cun caso positivo, e que non presente síntomas compatibles coa covid-19.


Por último, no caso dos centros de atención primaria, permitirase un acompañante por paciente, sempre que o aforo total das instalacións asegure a distancia mínima interpersoal durante todo o tempo que dure o acto asistencial.


O novo protocolo conxuga o dereito de acompañamento dos pacientes ingresados con medidas que continúan a garantir a seguridade dos usuarios, dos visitantes e do conxunto de profesionais que desempeñan o seu labor no Servizo Galego de Saúde.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page