top of page
Foto del escritorecosdacomarca

"Os farmacéuticos mantivémonos en primeira liña na pandemia reducindo a carga nos hospitais "

"Traballo no desenvolvemento de formulacións con ácidos nucleicos para diferentes patoloxías, como o gliolastoma ou o alzheimer"

Rocío Mellid Carballal


Entrevista á melidense Rocío Mellid Carballal, premio Antonio Casares Rodríguez


Laura Moure/Melide

Hai uns días deuse a coñecer a resolución dos Premios da Real Academia de Farmacia de Galicia 2020, sendo galardoada co premio Antonio Casares Rodríguez ao mellor expediente académico do Grado en Farmacia, que finalizou os estudos no curso 2019/2020 na Universidade de Santiago de Compostela (USC), para a farmacéutica melidense Rocío Mellid Carballal.


1. Cando e como recibe a nova de que fora a gañadora deste premio?

Fai unhas semanas recibín unha chamada telefónica na que a secretaria da Real Academia de Farmacia de Galicia mo comunicaba. A verdade é que ata ese momento non sabía da existencia do mesmo e realmente pilloume por sorpresa.


2. Considera que é un recoñecemento a moito esforzo e que motiva?

Aínda que cando estudas non o fas pensando na posibilidade de conseguir un premio a longo prazo, si que é certo que cando o recibes botas a vista atrás e sentes que o todo o esforzo e tempo que invertiches está sendo recoñecido. Isto motívate a continuar dando o mellor de ti en todo o que fas, non polo feito de recibir un premio, senón pola satisfacción persoal que sentes.


3. Como se consegue ter o mellor expediente académico?

Penso que non é unha cuestión de talento, senón o resultado de combinar esforzo e constancia co gusto polo que estás estudando. É certo que moitas veces cremos que igual non nos gusta o suficiente como para dedicarlle tanto tempo e traballo, pero creo que hai afrontalo como un reto cun mesmo.


4. Xa sabe en que vai investir os 600 euros do premio?

Aínda non o teño decidido, pero probablemente os empregue para organizar algunha viaxe cando a situación da pandemia o permita.


5. Cando decide facer o Grado en Farmacia?

Non é algo que tivese claro desde sempre. De feito, non tomei a decisión ata que en segundo de Bacharelato me vin na necesidade de facelo. Quería unha formación que abarcase diferentes ramas dentro do mundo da ciencia, xa que non era capaz de decidir entre a Química e a Bioloxía, así que me decantei por Farmacia. A día de hoxe, creo que acertei. Ademais, tiven a sorte de escoller unha carreira con multitude de saídas profesionais.


6. Que foi o mellor e o peor da carreira?

É difícil dicir que foi o mellor. Para min a experiencia global foi moi boa. Son anos nos que te formas, non só academicamente, senón tamén a nivel emocional. Aprendes a vivir de xeito independente e coñeces a xente marabillosa. Se me tivese que decantar por algo, diría que o mellor foron as amizades que se crearon durante estes anos e que espero duren para sempre. O peor son os momentos de estrés que conlevan os períodos de exames, nos que fas da biblioteca o teu fogar, aínda que agora recórdoos con nostalxia.


7. En que ámbito concreto quere traballar?

A verdade é que non o teño de todo claro. Vou un pouco sobre a marcha, pero unha das saídas que máis me chama é a da investigación.


8. A Organización Mundial da Saúde recoñeceu a labor dos farmacéuticos destacando que sodes claves na resposta á pandemia. Supoño que está de acordo en que sodes fundamentais ante unha crise sanitaria, non?

Creo que os farmacéuticos resultamos fundamentais na resposta á pandemia debido a que a nosa formación multidisciplinar permítenos contribuír en diversos campos: na investigación e produción da vacina, na investigación da enfermidade e, loxicamente, no tratamento da mesma. Dende a farmacia comunitaria, os farmacéuticos mantivémonos en primeira liña ofrecendo unha atención de calidade ao paciente e reducindo a carga de traballo en hospitais e centros de saúde. Sen embargo, penso que o noso papel non está tan recoñecido ou valorado como o doutros profesionais do ámbito sanitario, tal vez por descoñecemento do noso traballo.


9. E que está facendo na actualidade?

Agora mesmo estou no meu primeiro ano de doutorado, dentro do programa de investigación e desenvolvemento de medicamentos da USC. Traballo no desenvolvemento de formulacións con ácidos nucleicos para diferentes patoloxías, como o gliolastoma ou o alzheimer. Tiven a oportunidade de facer o Traballo de Fin de Grao experimental e isto permitiume ver que me gustaba o mundo da investigación, así que decidín continuar no mesmo grupo, situado no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), para facer o doutorado.





0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page