Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre a suba de impostos, anunciada esta semana polo goberno local deste municipio
Antón Branco Vilariño/Lalín
Artigo de opinión

Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín
OS DOUS DIÁCONOS
Cando eu era neno e quería algo, achegábame a miña nai e, con cara de pena, pedíallo. Apelaba eu á culpabilidade, á resposta emocional que barrese o raciocinio. Quería, dalgún xeito, deixar caer a responsabilidade na outra persoa.
Doume conta disto agora, daquela era un inocente cativo, boíño coma min só.
Camiñar paseniño, transmitir tristura e tratar de condicionar o comportamento da outra persoa. Basicamente, estes pasos, eran os que eu executaba e, en conxunto, conformaban unha cerimonia. Cerimonia é esa panoplia de comportamentos que temos instalados na mente e que nos falan de como nos fomos socializando. A forma na que nos achegamos a alguén novo, a forma na que organizamos un traballo grupal ou, como dixen antes, a forma na que procuramos asistencia de alguén.
Publicidade
E a que vén este conto? Pois ben, esta semana o goberno local, a través do seu voceiro, Avelino Souto e do seu vicevoceiro, Pablo Areán, anunciou a subida de impostos, tales como o IBI, o ICIO ou outros de nova creación. Do que se fala e do que se falará é do abusivo da medida, do planificado que estaba e do pouco que vai a repercutir na xente que máis o necesita. Pero eu, do que vou falar, é da cerimonia, de como os detalles inflúen no que se nos presenta.
Dous homes falan a un micrófono. Un de talante histriónico, coñecido polas súas formas grandilocuentes e pola súa expresividade corporal esaxerada, hoxe fala lento, trabúcase constantemente, executa pausas longas entre frases difíciles de dixerir, frases que supoñen unha contradición flagrante co seu propio discurso de meses atrás. Outro, de perfil máis contido, case un tecnócrata, achégase á rolda de prensa envolto nunha linguaxe administrativa, chea de palabras desas que non sabemos ben que queren dicir, pero que semellan moi serias. Recórdanme a dous diáconos, encargados de suplantar a un cura esquivo, que evita os malos tragos.
Publicidade
Nesta cerimonia usan nunha linguaxe que distorsiona a realidade e que, coma min de neno, tratan de apelar á responsabilidade externa. Non din “impostos”, din tributos. Somos nós, a cidadanía quenes debemos contribuír non son eles os que nos impoñen unha medida. Din “reaxuste” ou “reactivación”, non suba, porque así camuflan o feito, non califican, xogan o papel da ecuanimidade. Falan de inversións históricas en períodos de grandes baixadas de impostos e apelan, agora que os suben, ao apoio cidadán para manter estas inversións. Nada se comenta sobre que estas son grazas aos fondos europeos, semella que fora o concello quen financiase todo isto. Non din cal é a finalidade da subida, onde se van destinar. Tan só se escoitan xeralidades.
Publicidade
En definitiva, esta rolda de prensa é unha cerimonia litúrxica, onde os dous diáconos tratan de emular a parábola do bo samaritano. Xogan a confundirnos, saen ao escenario cunha performance traballada. Non vos deixedes levar polo engano. Recordade en mans de quen caeu ese samaritano cando ía cara Xericó.
*Artigo de opinión de Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.
Comments