Ocupa a 3ª plaza da Copa R5 Recalvi e 5ª da Clasificación Xeral
Laura Moure/Lalín
Viveiro era o centro neurálxico da quinta edición do Rallye Mariña Lucense, un dos rallyes máis bonitos do Campionato Galego xa que os seus tramos combinan zonas á beira do Cantábrico con outras de montaña como pode ser o tramo de Muras que discorreu pola Serra da Gañidoira. A pesar dun pequeno contratempo nas especiais do venres, provocado por unha fisura nun manguito do turbo, que en ArVidal liquidaron moi rápido, en xeral a parella dezá formada por Javier Ramos e Álex Moure, rodou a un bo ritmo que a bordo do Peugeot 208 T16 R5 que cada vez se atopa un pouco máis afinado.
“Tivemos problemas de potencia nos dous primeiros tramos, pero ao paso pola asistencia conseguimos dar co problema. A pesar de que o sábado pola mañá os tramos que se repetían do venres estaban en peores condicións, logramos rebaixar os tempos, o que é síntoma de que xa empezabamos con bo ritmo de carreira” . O tempo foi moi cambiante e a elección de pneumáticos foi clave. “Houbo algunha especial en seco, pero foi un día complicado no que chovía, paraba e de novo volvía a chover. Fomos conservadores e saímos con pneumático de choiva que era o menos arriscado. Ao final saíunos ben, a pesar de que algún tramo estaba realmente complicado con choiva e mesmo moita néboa”.
A próxima cita do equipo será o Rallye de Pontevedra, que se disputa a primeira fin de semana de xuño. “Conseguimos escalar ata a 3ª praza da Copa R5 detrás de Meira e Vilariño que xa loitan por obxectivos maiores. Tentamos estar cos mellores N5 aínda que o ritmo de Lamela e Pérez eran moi altos e sempre estivemos detrás. Ao final, unha avaría de Pérez permitiunos ocupar o 5º posto da Clasificación Xeral Scratch que nos dá uns importantes puntos de fronte ao Campionato”.
Comentarios