top of page

Os colectores de Humana recuperan case 23 toneladas de téxtil usado en Silleda no ano 2021

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A recollida selectiva do residuo téxtil aumenta o 13%


Laura Moure/Silleda

A recollida selectiva de residuo téxtil por parte de Humana Fundación Pueblo para Pueblo aumentou un 13% en Silleda en 2021. Así se desprende do balance realizado pola entidade, que o ano pasado recuperou case 23 toneladas de téxtil usado para darlles unha segunda vida cun beneficio ambiental e social. A reutilización do téxtil é clave para a economía circular e a creación de emprego verde, por iso esta organización aposta desde hai 35 anos por dar unha segunda vida ás pezas que non se utilizan.


A entidade sen fin de lucro recuperou 22.935 quilos o ano pasado por 20.303 do exercicio anterior, o que se traduce nun incremento do 13%. O residuo téxtil (roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar) que se deposita nos colectores situados na vía pública equivale a 93.000 pezas que son clasificadas na planta de preparación para a reutilización que Humana ten en Leganés (Madrid). A maior parte terá unha segunda vida: o 50% pódese reutilizar e máis do 35%, reciclar.

“Estamos moi contentos polo incremento e sobre todo agradecidos polas doazóns da cidadanía. Con todo, o sector ten un problema e é que aínda se recupera pouco residuo téxtil”, afirman desde Humana. O 40% da roupa que temos nos armarios non se utiliza en todo un ano e calcúlase que cada cidadán refuga entre 20 e 30 quilos de téxtil anualmente. Segundo os informes máis recentes, en España xérase anualmente máis dun millón de toneladas de residuos téxtiles, pero recóllense 110.000 toneladas. “Apenas representa algo máis dun 10% do que xeramos nos nosos fogares; o resto tírase noutras fraccións e acaba finalmente nunha entulleira”, indican. “A recollida selectiva ten un gran potencial para garantir unha segunda vida á roupa: o 50% do residuo téxtil pódese reutilizar e máis do 35%, reciclar”, asegura a entidade e insiste: “É importante que se deposite nun contedor de roupa; resulta obvio, pero case o 90% do residuo téxtil non acaba no punto de recollida adecuado”.

A reutilización do téxtil usado contribúe á redución das emisións de CO 2: por cada kg de roupa recuperada (e non conducida a un centro de tratamento de residuos para a súa incineración ou disposición final) evítase a emisión de 6,1 kg de CO 2, segundo un estudo da Federación Humana People to People. As case 23 toneladas recuperadas o ano pasado en Silleda evitaron a emisión de 140 toneladas de CO 2 á atmosfera. Doutra banda, os recursos obtidos coa xestión do residuo téxtil permiten a creación de empregos verdes (Humana xera un emprego indefinido por cada 30 toneladas de téxtil recolleito) e financian programas de desenvolvemento nos países do Sur da man de contrapartes ou socios locais.


Bình luận


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page