top of page

Os bonos para as piscinas de Silleda, que abren o día 1, venderanse no Concello a partir do vindeiro martes

Para os cursos de natación hai que inscribirse a partir do luns día 1 de xullo nas piscinas, co personal de salvamento


Laura Moure/Silleda

As piscinas municipais de Silleda, con dous recintos en Silleda e na Bandeira, abrirán ao público o vindeiro luns día 1. Xa dende esta primeira xornada poderán realizarse tamén as inscricións para os cursos de natación co propio persoal de socorrismo (a partir das 12:00 horas).


O horario dos cursos será como nos últimos anos pola mañá dende as 12:00 horas e establecerase en función do número de quendas necesarias para a realización dos mesmos. Ao igual que o ano pasado, tamén se ofrecerán cursos de ximnasia na auga para persoas adultas.


Publicidade

Preme na imaxe para inscribirte e obter máis información.

Os cursos de natación para nenos e nenas (a partir de 5 anos), serán os luns, mércores e venres de 12:00 a 14:15 horas. Para os maiores, os martes e xoves tamén no mesmo horario. As clases comezarán o mércores día 3.


Horario de apertura

As piscinas abrirán ao público a partir das 14:30 e ata as 20:30 horas, de luns a venres. Os sábados, domingos e xornadas festivos, o horario será de 15:00 a 20:30 horas. O custe da entrada ao recinto será de 1 euro por día, tal e como recolle a ordenanza da taxa polo uso de instalacións deportivas, e abonarase nas propias instalacións.


Publicidade

Preme na imaxe se queres saber máis deste evento.

Tamén comezarán a venderse no Concello (na pranta baixa, no mostrador de Benestar) os bonos para toda a tempada, a partir do martes 25. O prezo será, para os residentes no municipio, de 20 euros, e de 16 euros para nenos ata os 16 anos. Para os non residentes, os bonos de adulto custan 35 euros e os de nenos 25 euros. Así mesmo, as persoas que estean empadroadas no municipio de Silleda poderán mercar bonos familiares. Por cada persoa que figure como titular da familia abonaránse 10 euros; se se inclúe un fillo este pagará 16 euros; se son dous fillos, o segundo paga 8 euros, e a partir do terceiro fillo, este último non pagará.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

En canto aos cursos de natación, os prezos tamén son máis vantaxosos para as persoas abonadas. Así, os menores abonados pagarán 3 euros por mes; os non abonados 20 euros. Os cursos para adultos custan 9 euros (para abonados) e 20 euros no caso de persoas non abonadas.

Preparación dos recintos

Dende o Concello de Silleda xa se comezou hai varios días a traballar no acondicionamento e limpeza dos dous recintos, a fin de telos listos para a tempada. Tamén se procedeu á contratación dunha empresa para poder contar con personal de socorrismo, imprescindible para poder abrir as piscinas, xa que o proceso aberto para a contratación de socorristas como personal funcionario interino quedou finalmente deserto.


Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page