O accidente rexistrouse no quilómetro 66 da autovía A-54 ao paso por este concello
Ecos da Comarca/Arzúa
Os Bombeiros de Arzúa liberaron esta tarde a un home que quedara atrapado no interior do seu vehículo logo de envorcar no quilómetro 66 da autovía A-54, ao seu paso polo concello de Arzúa.
Ás tres e media, un particular poñíase en contacto co 112 Galicia para informar dun coche envorcado nese punto da autovía, en dirección a Arzúa, no que, segundo sinalaba, había unha persoa atrapada.
Con estes datos, desde o CIAE-112 Galicia deuse aviso, ademais de aos Bombeiros de Arzúa, aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil do municipio. Os medios desprazados ata o punto confirmaron que había unha persoa no interior do coche envorcado e que non podía saír. Posteriormente, os bombeiros lograron excarcerar ao condutor e único ocupante do vehículo, que foi trasladado ao centro hospitalario de referencia polos servizos sanitarios.
Por último, o 112 Galicia tamén mobilizou ao servizo de mantemento de estradas para restablecer e garantir as condicións de seguridade da vía.
Comments