Os Bombeiros Forestais de Galicia denuncian "a chapuza da Xunta na organización das oposicións"
- ecosdacomarca
- 10 feb 2023
- 3 Min. de lectura
"Está a darse unha improvisación constante, un continuo cambio de criterios, unha aleatoriedade nas decisións, un incumprimento dos prazos e unha flagrante falta de aplicación dalgunhas normas", asegura Apropiga
Ecos da Comarca/Xeral
A Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais de Galicia (APROPIGA) denuncia "a chapuza que está a darse nos actuais procesos selectivos derivados da Lei 20/2021, os cales comezaron a negociarse en marzo de 2022 e a día de hoxe, xa coas convocatorias publicadas e co período de inscrición a piques de rematar, seguen a sufrir cambios continuos nas propias convocatorias, baremos, número de prazas convocadas, nos prazos de inscrición ou nos corpos e escalas que son obxecto do propio proceso". Entre os afectados atópanse profesionais das comarcas que lamentan esta situación.

"O baile no número de prazas e procesos que se convocan, pese a ser estes supostamente oficiais e atoparse xa en período de inscrición, está a obrigar unha e outra vez a unha corrección constante daquilo que xa foi publicado no Diario Oficial de Galicia, dándose incluso o caso da eliminación a última hora dalgúns procesos nos que xa había milleiros de persoas inscritas e coas taxas aboadas, como é o caso dos de emisorista-vixiante ou condutor de autobomba", sinala a asociación. Estes cambios obrigan, segundo explica, asemade á modificación dos prazos de inscrición, os cales xa foron ampliados en dúas ocasións pola presenza e rectificación de erros.
"Requisitos que non reúnen"
"Outro exemplo da improvisación que se está a dar é a clara invención de determinadas razóns para motivar a convocatoria de certas prazas que non reúnen os requisitos que recolle e motiva a Lei que rexe estes procesos, mentres que outras prazas que si os cumpren e deben ser convocadas quedan fóra. Claro exemplo disto é o que ocorre coas prazas descontinuas do Servizo de Extinción de Incendios Forestais que foron creadas no 2019, as cales sen cumprir os requisitos que a lei marca para a súa convocatoria, parte delas foron incluídas por Función Pública neste procesos".
Deste xeito, sinala, que o que "poderíamos definir como unha excelente oportunidade para a mellora do emprego público e a Administración pública galega, está a converterse nun cúmulo de decisións arbitrarias que prevén unha xudicialización eterna dos procesos. Un exemplo dos atropelos xurídicos que están a darse, é o relativo ó computo da experiencia, a cal por exemplo nalgunhas oposicións só se computa para algunhas prazas de carácter descontinuo, non sendo esta tida en conta para as prazas das mesmas categorías que traballan durante todo o ano. Isto é claramente contrario á mesma Constitución e os seus Artigos 14 e 23, razóns polas cales xa existen oposicións de estabilización anuladas, como é o caso das do Concello de Elche", recalca o colectivo.
Ó interminable número de erros na organización dos procesos e nas súas bases, "podemos sumar tamén outros tantos á hora de inscribirse nestes a través da aplicación que a Xunta dispón para ese fin (sistema FIDES). Así danse numerosos erros para completar as solicitudes, para axuntar o requisito de coñecemento da lingua galega (CELGA) ou para o cómputo e recoñecemento dalgunhas probas superadas que puntúan nos procesos".
Procesos selectivos interminables
Os afectados lamentan que sexan uns procesos interminables. "A dilatación dos procesos selectivos xa realizados é outra das cuestións que ten ós opositores e traballadores públicos cansos da actitude e deixadez da Dirección Xeral da Función Pública, existindo unha gran cantidade deles que comezaron no ano 2018 e 2019 e aínda hoxe en día están sen rematar".
Por todo isto, dende APROPIGA consideran "inaceptable este alongamento e vulneración dos prazos establecidos nas propias leis para a conclusión dos procesos xa iniciados hai varios anos atrás. E mentres tanto, con procesos aínda sen concluír, están a abrirse outros novos exactamente iguais, algo que obriga a quen é de facto funcionario porque quedou en boa posición nas probas anteriores, a apuntarse a novos procesos selectivos pagando as súas taxas, volver pagar academias e sobre todo a preparar un novo proceso idéntico ó anterior, o cal está sen resolver por unhas razóns que non se coñecen e son totalmente inxustificables".
Comments