top of page

Os alcaldes de Cruces e Santiso pedirán reunirse coa Xunta para solucionar ás avarías do ferri

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

“Non pedimos máis que o que cremos que é xusto e necesario en pleno século XXI, do mesmo xeito que a nosa factura da luz non é a mesma que a de hai 40 anos", indica Taboada

Ecos da Comarca/Cruces/Santiso

Este mércores o rexedor de Vila de Cruces, Luís Taboada, púxose en contacto co alcalde de Santiso, Manuel Adán, para concretar as actuacións que a partir deste intre van tomar para solucionar os problemas constantes que está a ocasionar as continuas avarías da barcaza de Portodemouros que une a parroquia de Loño (Vila de Cruces) e Beigondo (Santiso).

"É coñecido que tanto o rexedor de Vila de Cruces como o de Santiso solicitaron en varias ocasións melloras neste servizo, e máis Luís Taboada no mes de marzo deste ano a través dos medios de comunicación instaba á Xunta de Galicia a que mediase neste asunto, algo que ata o momento non sucedeu", recalca o Concello cruceño, quen engade que "desde os Concellos seguíronse reivindicando melloras no servizo, as cales deron resultados, xa que hai uns días o propio alcalde de Vila de Cruces saía nos medios de comunicación agradecendo a instalación duns postes de luminarias moi necesarias para este servizo que a empresa se atopa instalando nestes momentos".


Ao coñecer Taboada que o ferri se atopaba novamente fóra de servizo, optou por poñerse en contacto co rexedor de Santiso para acordar as accións para tomar, xa que segundo Taboada “isto non o podemos permitir. Está ben recoñecer e agradecer cando as cousas se fan ben como a instalación das luminarias, pero tamén sei que é momento de que nos empecen a tomar en serio e resolvan este problema tan perentorio dunha barcaza que ten máis de 40 anos e o seu estado está cada día máis preto do despezamento que de realizar un bo servizo”.

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Taboada recoñece que nestes momentos que as eléctricas están a incrementar os seus ingresos "á conta dos nosos veciños e veciñas xa van sendo horas de que invistan nos servizos aos que se comprometeron" e recorda que esta é unha concesión que ten a empresa Naturgy. Como afirma o mandatario cruceño “nós non pedimos máis que o que cremos que é xusto e necesario en pleno século XXI, do mesmo xeito que a nosa factura da luz non é a mesma que a de hai 40 anos, tamén pedimos que a barcaza sexa do século XXI”.


Taboada e Adán concretaron manter unha reunión para solicitar audiencia na Xunta de Galicia e dar unha solución dunha vez por todas a este problema que interrompe a vida cotiá de dous municipios e sepáraos sen ningún viso de solución.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page