top of page

Os afectados pola LAT Farelo-Portodemouros néganse a que “nos pase por riba das casas”

Foto del escritor: ecosdacomarcaecosdacomarca

A Coordinadora veciñal comezou a entregar as alegacións


Ecos da Comarca/Deza

Máis de 50 persoas afectadas pola LAT Farelo-Portodemouros reuníronse o pasado luns na parroquia de Brocos, Agolada, asesoradas por Ramón Barreiro, avogado do gabinete xurídico do Sindicato Labrego Galego e acordaron presentar alegacións de rexeitamento ao proxecto da liña de alta tensión “negándonos a que pase por riba das casas”.


Esta liña afecta a diversas parcelas de especial aproveitamento agrícola e forestal sendo neste último caso unha afección moi severa xa que o ancho que ocupa nas parcelas supera nalgún casos 30 metros tendo en conta a franxa de protección de incendios obrigatoria a ambos lados do tendido de cableado. Isto supón que nesa franxa de 30 metros ao longo da parcela non se poida plantar nin cultivar ningunha especie forestal nin arboreda, deixando moitas fincas totalmente inutilizadas.


En canto á afección a vivendas o proxecto do tendido eléctrico pasas a menos de 50 metros de dúas casas do lugar de Quintela en Brocos, e tamén no mesmo núcleo de Brocos dunha casa e dun aserradoiro. Polo que na xuntanza de onte se acordou solicitar o alonxamento da LAT de casas illadas 100 m e de núcleos de poboación a 200 m tal como recomenda o consello de Europa (DOCE de 13 de julio de 1999).

A veciñanza oponse radicalmente ao paso dunha liña que está deseñada para evacuar a electricidade dun parque eólico, AV Farelo, que está suspendido por unha sentenza do TSXG e á espera de que se pronuncie o Tribunal de Xustiza da UE. "Consideramos que o proxecto carece de xustificación ou interese social e utilidade pública algunha, pois só responde a un interese estritamente mercantil con nula incidencia positiva na loita contra o cambio climático e que vai en contra dos obxectivos da Estratexia da UE sobre a biodiversidade (Comunicación da Comisión Europea ao Parlamento Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións, Bruxelas 20.05.2021)".


Preténdese construír unha liña de alta tensión de máis de 22 km co obxectivo de evacuar un parques eólico supoñendo a deforestación de grandes extensións de carballeiras, bosques de ribeira e plantacións forestais, así como un impacto crítico en aves e quirópteros dos espazos protexidos da Rede Natura 2000 que atravesa. A posible contribución positiva contra o cambio climático queda invalidada ante os prexuízos medioambientais que a súa evacuación supoñerá, especialmente a corta de masas forestais que están contribuíndo á captación de CO2. Ao respecto, considérese a Sentenza: 00311/2020, do 11 de decembro do 2020 do TSXG.


Non se garante a non afección ós acuíferos e á calidade das masas de auga tanto superficiais como soterradas, como é o caso da traída de auga veciñal da parroquia do Sexo. Os movementos de terras, perforacións e outras obras necesarias para a instalación dos 54 apoios da LAT poden afectar gravemente ós acuíferos, mananciais e á rede hidrográfica dándose unha afección ós recursos hídricos. Téñase en conta a Directiva Marco da Auga (DMA).

Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

A instalación desta LAT supón un impacto paisaxístico severo nas poboacións da contorna, na área da Rede Natura 2000 “Sobreiral do Arnego” que a atravesa en Brocos, e no patrimonio cultural presente na área de afección. A paisaxe supón un elemento cultural e natural de inmenso valor para a sociedade e é un activo económico e social, especialmente para o sector turístico. Ó respecto da protección da paisaxe, téñanse en conta o Convenio Europeo da Paisaxe, ratificado por España o 26 de noviembre de 2007, o Regulamento da Lei da Paisaxe (Decreto 93/2020) e ás Directrices de Paisaxe (Decreto 238/2020).


Esta LAT 132KV está indisolublemente ligada á suspensión cautelar do P.E. Monte Farelo e tamén á suspensión do PE Zamorra cuxa enerxía teñen que evacuar por esta infraestrutura. Pode ser executada causando unha grave afección á poboación, ao monte e á RN 2000, sen utilidade práctica algunha e no seu día, amparar unha probable reclamación da mercantil eléctrica á Xunta polas obras executadas con licenza, como xa está pasando noutros PE. "Por todo isto consideramos e esiximos que non se leve a cabo", sentencian os veciños.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page