Os 600 aspirantes a auxiliares de Policía Local realizarán os primeiros exercicios o 14 en Silleda
- Laura Moure

- 4 may
- 2 min de lectura
Superadas todas as probas da oposición pola que optan a 74 prazas en 25 concellos, entre eles Melide, deberán facer un curso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública
Laura Moure/Silleda
As case 600 persoas aspirantes no proceso selectivo para cubrir 74 prazas auxiliares de Policía Local en 25 concellos galegos, entre eles en Melide, realizarán os primeiros exercicios o 14 de maio en Silleda.

O primeiro dos cinco exercicios será un test de coñecemento de 50 preguntas sobre o temario publicado, que terá lugar no recinto feiral de Silleda ás 10:00 horas. A continuación desenvolverase a proba de coñecementos do idioma galego para as persoas que non estean exentas.
Unha vez superada esta primeira fase, os aspirantes continuarán no proceso coas probas de aptitude física, nas que deberán demostrar as súas capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade para as funcións que teñen que desempeñar.
Consistirán en dúas probas: unha de potencia tren inferior con salto vertical e outra de resistencia xeral con carreira de 1.000 metros lisos. Estas probas prevense celebrar o 24 de maio na Academia Galega de Seguridade Pública en horario de mañá.
PUBLICIDADE
As persoas aspirantes aprobadas e as incluídas na listaxe de reserva deste proceso selectivo deberán superar un curso de formación teórico-práctico na Academia Galega de Seguridade Pública de 24 horas lectivas en modalidade presencial como requisito indispensable para ser contratadas como auxiliares de policía local.
Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local coa selección neste período de máis dun milleiro de policías galegos mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego.
PUBLICIDADE
Ademais de formar as promocións de policía local e auxiliares e das categorías de mando, a Agasp é o centro de referencia da formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias, cun amplo plan de formación continua anual.








Comentarios