Os 27 alcaldes do PP da provincia de Pontevedra presentan alegacións en relación á taxa do lixo
- ecosdacomarca
- 17 feb
- 3 Min. de lectura
Rexeitan a intención do Goberno de España de tumbar a achega da Xunta para axudar coa taxa do lixo tras impoñer a suba desde Madrid co novo imposto sobre Sogama
Ecos da Comarca/Deza
Os 27 alcaldes do Partido Popular da provincia de Pontevedra, entre eles o de Dozón e Lalín, anunciaron a presentación de alegacións contra a intención do Goberno de España de tumbar a achega da Xunta de Galicia a prol dos concellos para colaborar co pago da taxa do lixo en beneficio das propias entidades locais e dos cidadáns como consecuencia do incremento do seu custe polo novo Imposto sobre depósito de residuos en vertedoiros, incineración e coincineración da Lei 7/2022, aprobado e impulsado polo Executivo central.

Os rexedores mantiveron este sábado un encontro co presidente do PP Provincial, Luis López, na sede de Pontevedra para abordar esta cuestión e definir unha estratexia conxunta despois de que o Ministerio de Transición Ecolóxica manifestase a súa oposición a que o Goberno galego sufragase o 60% do novo custe que ten que asumir Sogama e que ten que ser pagado polos concellos como consecuencia da medida fiscal decretada polo executivo socialista en Madrid.
Deste xeito, e dado que a Consellería de Medio Ambiente tamén se opón a que só se cargue este tributo nos concellos e nos cidadáns, os alcaldes pontevedreses do PP decidiron aproveitar o prazo de información pública -aberto ata hoxe- sobre adecisión do Goberno de España de opoñerse á colaboración financeira da Xunta para presentar alegacións ante o departamento autonómico. O obxectivo é trasladalas a Madrid para que se manteña a colaboración do 60% anunciada polo presidente Alfonso Rueda fronte a esta medida fiscal central e que ten como requisitos, para cada concello beneficiario, a baixada do 1% na producción de residuos ou o aumento do 3% na recollida selectiva.
Publicidade
No transcurso deste encontro, Luis López tildou de “inxerencia inaudita” na autonomía da Xunta e dos concellos que o Ministerio de Transición Ecolóxica tente bloquear a achega autonómica, “o que demostra que se trata dunha nova voraz medida recadatoria do PSOE que só quere asaltar os petos dos galegos e que se escuda falsamente en que pagar é o único xeito de fomentar a separación e a reciclaxe tratando novamente aos cidadáns como nenos pequenos”.
Críticas a PSOE e BNG pola súa campaña de difamación
Ademais, o presidente provincial tamén expresou o seu malestar contra PSOE e BNG "polas mentiras intencionadas que verteron meses atrás cando moitos concellos, principalmente os gobernados por eles, tiveron que subirlle aos veciños a taxa do lixo por este novo imposto á incineración aprobado polo Goberno de España": “Socialistas e nacionalistas, sempre a carón dos seus aparatos e sempre lonxe dos galegos, emprenderon unha campaña de difamación intolerable contra a Xunta, o PP e Sogama acusándonos de impoñer unha suba fiscal á xente a conta da recollida de residuos e agora, con esta carta e estas intencións de Madrid, descúbrese, sen lugar a dúbidas, que foi impulsada en exclusiva polo Executivo central para gravar economicamente o sistema galego, que é dos mellores de España, e querendo cargarlle o custe só aos concellos e aos veciños”.
Por elo, Luis López esixíulle a PSOE e BNG que pidan desculpas públicas, principalmente aos cidadáns, “polo ronsel de mentiras co que trataron de verter fango contra o PP na súa habitual desesperación de ter que soster as súas habituais medidas contra os concellos e contra os veciños” e defendeu como “moi positiva” a colaboración da Xunta de Galicia para paliar os efectos desta suba fiscal nas contas dos municipios e nos petos dos cidadáns, “xa que permitíu que moitas administracións locais mantiveran conxelada a taxa e moitas outras limitaran bastante a súa suba en beneficio dos contribuíntes”.
“Non imos consentir esta interferencia e que tumben esta axuda económica da Xunta só pola súa intención de afogar aínda máis aos concellos e por seguir machacando a impostos á xente prexudicando ás economías domésticas. Se o Goberno de España non quere facer absolutamente nada positivo pola provincia e por Galicia, polo menos que non moleste aos que traballamos polos cidadáns”, concluíu López.
Comments