Orixínase un incendio nunha vivenda da parroquia cruceña de Añobre
- ecosdacomarca

- 29 oct 2022
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces

Este sábado orixinouse un lume nunha casa da parroquia cruceña de Añobre. En concreto, esta está situada no lugar de Vilariño. O 112 Galicia foi alertado ás 15:20 horas.
"O lume orixinouse no calentador da auga que era eléctrico. Apagárono os bombeiros do parque de Silleda e supoñen que puido ser un curtocircuíto a orixe do mesmo", indica Protección Civil de Vila de Cruces.
Ademais, sinala que "non se produciron danos persoais, e materiais, só ardeu unha pequena colchoneta que estaba xunto ao calentador".
Faleceron dúas mascotas
Mentres o 112 Galicia informou que dúas mascotas perderon a vida. Foi un veciño do lugar de Vilariño quen chamou ao 112 para informar dunha intensa fumareda no interior dunha casa de dous andares. Alí dirixíronse dotacións dos Bombeiros do Deza, que, coa axuda dos voluntarios de Protección Civil de Vila de Cruces, traballaron na extinción das lapas. Ningunha persoa resultou ferida, xa que os propietarios estaban fóra no momento dos feitos,pero pereceron un gato e unha cobaia como consecuencia do incendio.
O operativo tamén contou coa colaboración dos axentes da Garda Civil. Ademais, desde o 112 pasouse aviso aos membros do GES de Lalín, por se a súa colaboración fose necesaria.







Comentarios