Orixínase un incendio na zona dos castros de Toiriz, en Silleda
- ecosdacomarca

- 10 jul 2025
- 2 Min. de lectura
O Concello xa acordou realizar o luns unha valoración técnica dos danos, especialmente para comprobar o estado das estruturas
Ecos da Comarca/Silleda
O Concello de Silleda informa de que se rexistrou hoxe, xoves, un incendio na zona dos castros de Toiriz, un espazo de gran valor patrimonial e emocional para a veciñanza do municipio. O lume afectou unicamente á zona da copa do castro, a parte máis alta da croa, sen que se vise comprometida ningunha masa arbórea.

A rápida actuación dos operarios do servizo de contrainciendios da Xunta de Galicia, xunto co operativo da Policía Local de Silleda, permitiu controlar o incendio con gran eficacia. O corpo local mobilizou a todos os seus efectivos ante a proximidade de vivendas e co obxectivo de garantir a seguridade da veciñanza en todo momento.
O incendio, que non foi de gran extensión, afectou unha área que fora recentemente limpa polos servizos municipais, polo que non se produciron danos medioambientais de consideración. Aínda así, desde o Concello xa se acordou realizar este luns unha valoración técnica dos danos, especialmente para comprobar o estado das estruturas instaladas pola Deputación de Pontevedra nos traballos de musealización da contorna, que poderían verse afectadas polo lume e deberán ser revisadas. A alcaldesa, Paula Fernández, achegouse ata o lugar dos feitos nada máis coñecer a existencia do incendio.
En todo caso, o Concello asume o compromiso de iniciar canto antes traballos de preparación e acondicionamento para avanzar na posta en valor inmediata do recinto castrexo, en liña co compromiso do Concello coa protección e recuperación do patrimonio local. “Desde o Concello de Silleda agradecemos o traballo dos equipos de emerxencias e a colaboración cidadá en dar o aviso tanto a través do sistema Liña Verde municipal como do 112, ao tempo que reiteramos o noso compromiso coa conservación e recuperación inmediata deste enclave tan querido pola nosa comunidade”, engade Paula Fernández.
Publicidade
Nas Exposicións Nacionais os cans obterán puntos para o Campionato de España, mentres que na Internacional farano para o Campionato Internacional. Ademais, estas
Publicidade








Comentarios