Amigos da Empanada aproba o cambio de horario e anuncia 12 horas ininterrompidas de verbena encabezadas pola orquestra Olympus
Laura Moure/Silleda
A xunta directiva da Asociación Amigos da Empanada comezou xa cos preparativos da Festa da Empanada 2023 e os diferentes eventos que a acompañarán ao longo do ano. O que xa se pode avanzar é que será unha edición cargada de novidades e grandes cambios, que se efectuarán co obxectivo de lograr a declaración de Interese Turístico Nacional para a cita gastronómica.
Andrés Seoane, presidente da entidade, desvelou que a 47 edición contará por primeira vez na súa historia cunha comida ou xantar de peñas. Trátase dun cambio substancial que buscará “atraer un maior número de visitantes, e sobre todo, que as miles de persoas permanezan na vila durante unha xornada completa, o que repercutirá moi favorablemente no comercio local. Ademais, esta modificación horaria, permitirá que os nosos maiores poidan desfrutar en maior medida da festa e posibilitará un maior número de actividades e actuacións musicais”. Esta posibilidade foi xa analizada hai uns meses nun debate público organizado por Amigos da Empanada e tivo “unha magnífica acollida entre a veciñanza de todas as idades, este respaldo foi o que nos levou a dar o paso”, aclara Seoane.

Aínda co proxecto en fase de desenvolvemento, estase a estudar a posibilidade de celebrar o acto e o concurso de empanadas na “hora do vermut”, como antesala a un gran xantar de peñas que estaría amenizado por diversos grupos musicais. “Pola tarde, comezarían xa as orquestras de forma ininterrompida ata as 6 da madrugada, é dicir, 12 horas de verbena que a converterán nunha das máis longas de toda Galicia”, sinala María José Fernández, vicepresidenta da organización. Ademais, quen o desexe, “terá a posibilidade de cear na carballeira, xa que a mesa non se retirará e manterase o ambiente festivo con outras agrupacións musicais, permitindo así darlle saída a toda esa comida que sempre sobra”.
A estrea deste novo formato estará avalada por unha das orquestras máis relevantes do momento, como é a formación Olympus. Para a vicepresidenta Cristina Quinteiro, “non temos ningunha dúbida de que estaremos ante a Festa da Empanada máis concorrida da historia, o que facilitará en gran medida a consecución do título nacional”.
Por outra banda, a agrupación xa traballa na recadación de fondos, estando xa dispoñible a lotería de Nadal da Empanada nos seguintes establecementos: Café Bar Arume, Pastelería Dulce Deza, Bar Atly, Merca Mella Bandeira, A Taberna do Músico, Supermercado Día, Alimentación Tovi, A Casiña dos Contos, Ferretería Bandeira e Vinoteca Cadeira. O décimo é o 89864 e ten un prezo de 22 euros, o que inclúe un donativo de 2 euros para a Festa da Empanada.
*Na imaxe, parte da directiva da Asociación Amigos da Empanada e o representante de Espectáculos Seara, confirman a actuación de Olympus o 19 de agosto de 2023.
Comments