Obituario: José, o amigo de todos
- Laura Moure
- 23 abr 2023
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Silleda
Onte recibiamos unha chamada, desas que nos encollen o corazón e que a mente non é capaz de asimilar. Esa chamada na que nos comunicaban o pasamento de José García García, esa persoa coa que mantiñamos un contacto asiduo polas súas múltiples iniciativas solidarias.
Solidario, altruísta, implicado, transparente, bondadoso, xeneroso... son algúns dos adxectivos que cualifican a José, o amigo de todos. A pesar de que nos quedou no tinteiro ese café pendente, os seus continuos correos e os seus Whatapps xa deixaban ver o tipo de persoa que era. Desas que escasean neste mundo e que por desgraza, están en perigo de extinción.

Samaritano de Laro. Así o chamaban porque todos os que o coñeciamos sabiamos do seu afán por axudar aos demais. Estaba continuamente promovendo campañas solidarias a favor de distintos colectivos e causas e todo sen pedir nada a cambio. Gústaballe ver os sonrisos dos cativos así que cada Nadal contactaba con Papá Noel para que visitase as distintas aldeas. Tendíalle unha man a toda esa xente que o precisaba. Por iso, a todos nos doe a súa partida e sabemos que o botaremos moito de menos. Ogallá soubera a cantidade de persoas que o apreciabamos de verdade!
Agora só nos consola que estea onde estea siga axudando aos demais e tamén facendo algún que outro truco, xa que a maxia era outra das súas paixóns! Nós aquí seguirémolo lembrando, porque quen ten maxia, non precisa trucos e el coa súa bondade soubo conquistarnos a moita xente, incluso, dende a distancia. Sen dúbida, deixou unha fonda pegada.
Alá onde esteas, José, sigue brillando coa túa pureza!
D.E.P. e o noso máis sincero pésame aos seus seres queridos.
NOTICIA RELACIONADA:
Comments