Actuarán a Banda de Música Santa Cruz de Ribadulla e Banda de Música Municipal de Silleda
Laura Moure/Silleda
O Festival de Bandas de Música de Silleda constitúe o elemento central do programa de actividades que leva a cabo a Banda de Música Municipal de Silleda, e constitúe xunto coa Escola de Música a principal área de traballo da agrupación. Este sábado, día 9, terá lugar unha nova edición, que será a XXVIII. O escenario será o Auditorio da Semana Verde de Galicia, ás 20.00 horas. Actuarán a Banda de Música Santa Cruz de Ribadulla e Banda de Música Municipal de Silleda.
Este Festival xorde no ano 1994 como consecuencia do intercambio realizado entre a Banda de Música de Silleda e a Banda de Música de La Gineta (Albacete). A presenza en Silleda desta banda manchega fai que se pense na creación dun festival, no que participe ademais unha banda galega de recoñecido prestixio, e, por suposto, a banda anfitrioa. Debido á realización de intercambios con outras bandas non galegas en anos posteriores, a estrutura do festival manterase en sucesivas edicións, contando sempre cunha Banda de fóra de Galicia, unha Banda galega, e a Banda de Música de Silleda.
A primeira edición tivo lugar o venres 19 de agosto de 1.994 no Pavillón do Colexio María Inmaculada de Silleda, debidamente acondicionado para a ocasión, e contou coa presenza da Banda de Música Belas Artes de Cangas, a Banda de Música de La Gineta (Albacete) e a Banda de Música Municipal de Silleda.
O Festival constitúe unha oportunidade de escoitar agrupacións musicais de recoñecido prestixio, tanto da comunidade galega como de fóra, nun lugar de excelentes condicións acústicas, como é o Auditorio da Semana Verde de Galicia, e contando cunha organización que fai que o público se sinta cómodo e a gusto. Este feito é mais importante se temos en conta o carácter rural da comarca do Deza, o que fai imposible o acceso a certas actividades nas mesmas condicións en que se podería facer nunha gran cidade.
"É punto de encontro de músicos de toda Galicia, e de fóra de ela, ben como intérpretes ou
ben como oíntes. Neste sentido é tamén unha maneira de acercala música ó pobo e de dignificar o traballo dos músicos, non sempre valorado no seu xusto termino, eliminando por unha banda o carácter elitista que por veces se lle adxudica á música de calidade, e por outra facendo ver que esta calidade é posible atopala en algo tan próximo e tan familiar como son as Bandas de Música", recalca a banda anfitrioa.
O Festival de Bandas é un elemento de promoción da comunidade galega no exterior, non
só pola presencia aquí das citadas bandas foráneas, senón porque esta presencia implica a correspondente devolución da visita por parte da Banda de Silleda. Por este motivo, a Banda de Silleda participou en Festivais celebrados en Balazote, La Gineta e Aguas Nuevas (Albacete), Monóvar (Alicante), Puig e Albalat dels Sorells (Valencia), Tomar e Monçao (Portugal) localidades todas elas situadas nuha zona considerada berce da música de banda. "Estas viaxes da nosa banda serviron para dar a coñecer Silleda e Galicia fóra da nosa Comunidade e favorecer o intercambio de experiencias e culturas".
Comentários