top of page

O xalleiro Iker García, campión do XX Concurso de Preparadores de Gando Frisón, e o segundo posto foi para Xabi Montes Rodeiro

Alba López López, da gandería Quintián, do Páramo (Lugo) foi a gañadora do XLII Concurso Internacional de Mozos Manexadores “Memorial Luis Louzao” da Abanca Cimag-GandAgro que se celebra ata hoxe en Silleda


Laura Moure/Silleda

A V Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2025, a cal se celebra desde o xoves e ata hoxe na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra), continou onte co seu completo programa de actividades. Os visitantes profesionais, ademais de coñecer na súa área expositiva as últimas innovacións do sector, puideron acudir onte a numerosas xornadas técnicas, as cales contaron con gran asistencia de público.


Así, levouse a cabo o XXVII Monográfico de Gando Porcino, organizado pola ADS de Porcino de Silleda, cos restos comerciais e produtivos do sector como un dos seus temas principais; a XVII Xornada Técnica para responsables de calidade de fábricas de pensos Galis sobre nova regulación de envases e aspectos prácticos do Regulamento 2024/1229; e dúas xornadas sobre a innovación no sector forestal e o impulso da sustentabilidade no sector lácteo, organizados pola Fundación Empresa- Universidade Galega (Feuga).


Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural abordou noutra xornada a sanidade animal, con temas tan relevantes como a situación da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica e a lingua azul en Galicia. Sumáronse encontros centrados na distribución sostible de xurro, do Campus Terra de Lugo; na optimización de datos en granxas de vacún de leite, de De Heus; e no proxecto Sat4carbón, de vixilancia de carbono en sistemas silvopastorais por teledetección, presentado pola Asociación Agraria de Galicia (Asaga).

foto

Ademais, onte tivo lugar o acto oficial de inauguración de Abanca Cimag-GandAgro 2025, o cal estivo presidido pola conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez. A conselleira do Medio Rural, María José. A titular desta Consellería resaltou a posición de Galicia como potencia do eido primario no ámbito nacional e internacional. Exemplificouno co liderado da nosa comunidade en sectores como o lácteo, o cárnico, o forestal, o hortofrutícola ou o floral. Ademais, afirmou que Galicia está a desenvolver unha potente “industria, xenética, fitosanitaria e nutricional cada vez máis salientable” e asegurou que no ámbito da maquinaria e o equipamento existe unha fonte “moi importante de emprego”.


De seguido, anunciou que onte mesmo se fixo efectiva a primeira parte dos pagos das axudas para os 320 expedientes de incorporación de mozos (ata os 40 anos) e os 133 de

novos agricultores (de 41 a 55 anos), cuxo orzamento ascende a máis de 10 millóns de

euros. Cabe sinalar que estas achegas abóanse en dous pagos, un primeiro do 60% e un

segundo do 40%, que se efectúa logo de verificar a correcta execución do plan empresarial.


Nese sentido, salientou a importancia destas achegas, que favorecen a remuda xeracional e garanten un futuro no medio rural rendible e sustentable. A conselleira sinalou que este

tipo de medidas vólvense máis eficaces grazas ao bo facer dos agricultores e gandeiros da comunidade e da industria agropecuaria, que propiciaron unha “evolución incuestionable na agricultura e gandaría de Galicia”.


María José Gómez asegurou que a tecnoloxía é “aliada do sector agrogandeiro”. Referiuse

á conectividade, á robótica e á intelixencia artificial como “unha gran axuda” para gandeiros e agricultores, que potencian a eficiencia das explotacións, incrementan a

produtividade e melloran a calidade de vida dos profesionais. Asemade, adiantou que se analizarán as inquedanzas do sector “que son compartidas polo Goberno da Xunta”. Seguindo esta liña, asegurou a aposta por eidos como a remuda xeracional, a mobilización de terra agraria, a sanidade animal, a transmisión das explotacións, coa recente posta en marcha do Banco de Explotacións; ou a formación.


Publicidade

ANUNCIO
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

De feito, no marco da celebración desta feira, alumnado de varios dos Centros de Formación e Experimentación Agraria, dependentes da Consellería do Medio Rural, visitarán este evento como actividade complementaria aos seus estudos.


Posteriormente, María José Gómez realizou un amplo percorrido polos expositores de

Cimag-Gandagro, no que estivo acompañada polos directores xerais da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; de Gandaría, Agricultura e Industrias

Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra,

Agustín Reguera.


Inauguración da xornada sobre sanidade animal

Cimag-Gandagro conta cun amplo programa de actividades formativas centradas no sector agropecuario galego. Neste contexto, José Balseiros, participou este venres na

inauguración da xornada técnica sobre sanidade animal organizada pola Consellería do

Medio Rural. Seguindo esta liña, puxo en valor o traballo levado a cabo polo seu departamento nesta materia e asegurou que manter o status sanitario da cabana gandeira

é unha prioridade para o Goberno autonómico.


A xornada contou cun relatorio conducido polo xefe do Servizo de Sanidade Animal da

Consellería, Jesús Orejas, sobre a situación da EHE e a lingua azul na nosa comunidade.

Experiencias de calidade. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria está presente na celebración desta edición da Feira Cimag Gandagro a través dunha aula de “Experiencias de Calidade”, con catro actividades diarias de cociña en directo con degustación de produtos. As sesións van acompañadas dun servizo de viños galegos con Denominación de Orixe -Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas-, xunto con Pan Galego e Pan de Cea.


PUBLICIDADE
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Comezan as actividades de vacún frisón

Outro dos grandes atractivos desta feira son os concursos centrados en vacúnfrisón. Organizados pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Federación Frisoa Galega (Fefriga) co apoio da Consellería do Medio Rural, deu comezo onte co XX Concurso Internacional de Preparadores de Gando e XLII Concurso de Xóvenes Manexadores.


Iker García Amarelle, da gandería O Rubio, de Santa Comba (A Coruña), resultou gañador do XX Concurso Internacional de Preparadores de Gando GandAgro´25. O segundo posto nesta edición foi para Xabi Montes Vilar, da gandería Casa do Rei Holstein, de Rodeiro (Pontevedra), mentres que o terceiro recaeu en María Otero Naval, da gandería Fontixón, de Castro de Rei (Lugo).

foto

Organizados pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Federación Frisoa Galega (Fefriga) co apoio da Consellería do Medio Rural, o concurso foi xulgado polo suízo

Marcel Egli.


As partes preparadas a puntuar polo xuíz foron cabeza-pescozo, liña dorso-lumbar, barriga, costelas-corpo, patas, valoración xeral do conxunto, aparencia xeral e final,

ademais de valoración do presentador e actitude do presentador.


Ao concurso, patrocinado por Delagro, concorreron nove novos gandeiros de distintos

puntos de Galicia. Os participantes dispuxeron de dúas horas (e 30 minutos máis para

os nenos de 15 anos ou menos) para pelar e preparar ao animal.


Xóvenes Manexadores

Alba López López, da gandería Quintián, do Páramo (Lugo) foi a gañadora do XLII Concurso Internacional de Mozos Manexadores “Memorial Luis Louzao”. O segundo posto foi María Otero Naval, da gandería Fontixón, de Castro de Rei (Lugo), quen tamén alcanzou a terceira posición esta tarde no XX Concurso Internacional de Preparadores de Gando Frisón. O terceiro posto recaeu en Claudia López García, da gandería López Fontela e Outros, de Aranga (A Coruña).

Organizados pola Fundación Semana Verde de Galicia e a Federación Frisoa Galega (Fefriga) co apoio da Consellería do Medio Rural, o concurso ten como obxectivo que os participantes demostren a súa habilidade na presentación en pista dos animais. O bo manexador é aquel que coñece á perfección a morfoloxía dos seus animais e despois dunha correcta doma, preparación e pelado, é capaz de facer resaltar as virtudes do exemplar que presenta, minimizando ao mesmo tempo os posibles defectos que poida ter.


Ao concurso, patrocinado por Mapfre, concorreron 34 participantes de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Baleares e Finlandia. Con idades comprendidas entre 2 e 26 anos. Foron xulgados polo suízo Marcel Egli.


Hoxe será a quenda dos prestixiosos concursos morfolóxicos XXXVII Open Internacional e XXXIII Autonómico da Razas Frisoa, nos que participan 159 exemplares de alta xenética de Galicia, Asturias, Cantabria, Cataluña e Portugal.

PROGRAMACIÓN E HORARIOS no enlace: https://cimag.gandagro.com/




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page