top of page

O xabaril estraga media hectárea de cultivo nunha finca da parroquia agoladesa de Eidián

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

A afectada Eva Ramos de Órrea cansa desta situación puxo denuncia en Medio Ambiente e sinala que esta mesma tarde veu o axente medioambiental valorar os danos


Laura Moure/Agolada

Os gandeiros e agricultores están continuamente sufrindo trabas, que lles impiden levantar cabeza: se subida de impostos e da luz, se baixa dos prezos do leite, se continuas inspeccións, se baixas de cabezas de gando devoradas polo lobo e como non, os continuos danos do xabaril que todos os anos provocan importantes perdas e horas de traballo dos profesionais do rural. Unha veciña da parroquia agoladesa de Órrea Eva Ramos denuncia que este animal lle estragou aproximadamente media hectárea de cultivo nunha finca de Eidián (Agolada). Está cansa das pedras coas que se atopa a diario no camiño que fan que o rural estea completamente esquecido e maltratado por parte das administracións, cando é un sector máis que imprescindible.


"Quero facer público o meu enfado, as miñas queixas e a frustación que experimentei esta mañá cando vin os danos ocasionados polo xabaril nunha das fincas que traballo. Nesta finca sementamos fai unhas semanas herba nova e hoxe atopámonos con que o xabaril decidiu estragar gran parte do cultivo, o que supón perder a semente empregada na zona afectada, así como todo o traballo realizado, e por suposto, volver a gastar en semente e facer de novo o traballo", lamenta Ramos."A moitos é posible que nin lles importe, nin lles pareza tanta cousa, pero a miña pregunta é: ata cando os gandeiros e agricultores imos seguir alimentando ó xabaril e ó lobo? Ata cando imos seguir sendo vítimas dunha política que non vela polos nosos intereses? Ata cando van seguir criminalizando ó sector por "supostamente" non ser respectuosos co medio ambiente? Cando curiosamente somos nós os que estamos a alimentar á fauna silvestre", pregúntase.

A finca de Eidián afectada polo xabaril.

Ramos incide na falta de apoio por parte das administracións. "Non sei cal é o problema que ten parte da sociedade cos que nos adicamos a traballar no campo, nin entendo as políticas que permiten que parte dos terreos en Galicia estén abandonados e sen dono, que o único que favorecen é a proliferación de fauna silvestre". E recalca: "Non estou en contra da existencia de animais salvaxes, pero tampouco estou a favor de que sexamos sempre os mesmos os que teñamos que alimentalos. Por certo, unha curiosidade que me gustaría engadir, nestes tempos nos que os medios nos bombardean co tema da suba de impostos, comentar que o lobo e mais o xabaril non pagan impostos, a miña explotación gandeira si".


Compensación económica

Esta afectada puxo denuncia hoxe mesmo en Medio Ambiente e sinala que esta mesma tarde veu o axente medioambiental valorar os danos. "E quedamos á espera de se percibimos compensación económica, que segundo nos explicou este ano non vai poder ser porque xa está cerrado o prazo para percibir esas axudas. Que na miña opinión: non imos percibir axuda algunha", lamenta Ramos.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page