O Viveiro Municipal de Empresas de Área 33 de Silleda colga o cartaz de “completo”
- Laura Moure
- 25 feb
- 2 Min. de lectura
Onte entregouse a Miguel Cuiña Pérez o despacho que quedaba dispoñible
Laura Moure/Silleda
O Viveiro de Empresas do Concello de Silleda vén de completarse onte ca incorporación dun novo viveirista. Miguel Cuiña Pérez, que creou unha empresa do sector da seguridade, pecha así o reparto dos 5 despachos dispoñibles neste espazo municipal ubicado no Parque Empresarial Área 33.
A alcaldesa, Paula Fernández e a concelleira de Promoción Económica, Estefanía Taín, asinaron con este novo emprededor o contrato de cesión do despacho número 4, o único que quedaba libre ata agora.

A rexedora, á vista do éxito destas dependencias, indica que existe a posibilidade de habilitar tamén como despacho o espazo adicado a oficina de Administración, que se atopa na entrada do viveiro. “Sen dúbida hoxe é un día importante na promoción económica do noso municipio. Non é habitual que unha instalación deste tipo se encha en tan pouco tempo, o que dá mostra da actividade dos nosos emprendedores e emprendedoras”, engade Paula Fernández.
A día de hoxe, hai un total de 5 despachos xa ocupados. A entidade do sector da seguridade de Miguel Cuiña súmase áo despacho de Tirgalia, da enxeñeira agrícola Verónica Gómez Collazo, ao do sector da banca de Sandra Chao, a asesoria Akoru Multiser, de María Magdalena Vázquez, e á oficina da que dispón a Comunidade Empresarios do polígono Área 33.
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destaca a boa acollida desta iniciativa “na que ademais se están a desenvolver outras actividades da man do plan de dinamización do viveiro a través do convenio ca Fundación Roberto Rivas”, engade, así como reunións e sesións formativas de empresas e entidades que así o solicitan.
Dende o Concello lembran que o regulamento de uso do viveiro silledense, onde figuran as condicións para as persoas emprendedoras, se poden consultar na web municipal.
Comments