Música, maxia, visitas guiadas ou ioga conforman unha programación enfocada a todos os públicos e idades
Laura Moure/Melide
Melide prepárase para outro intenso verán de actividades agrupadas dentro do programa Verán Cultural, que nesta edición de 2024 propón actividades para todas as idades e públicos. A programación arrinca o domingo 14 de xullo e estenderase ata o primeiro día do mes de setembro.
O domingo 14 celébrase o primeiro dos Domingos Infantís, orientados ás e aos pequenos da casa. Trátase do espectáculo de monicreques “O Show Moscón”, da compañía Galitoon, que presenta un marabilloso circo dentro dun armario cheo de marabillas. Será
no cantón de San Roque ás 12 da mañá.
A seguinte actividade chega o xoves, 18 de xullo, cando terá lugar unha sesión de ioga nocturno organizada por La Salita Yoga baixo o título Ioga baixo as estrelas. Será na praza do Convento, un dos recunchos máxicos de Melide, ás 23 h. Esta iniciativa repetirase, á mesma hora e no mesmo lugar, o xoves 29 de agosto.
O sábado 20 de xullo, veciñanza e visitantes teñen unha cita coa historia e a cultura melidás no Roteiro polo Melide Literario que organiza, co apoio da Deputación da Coruña,
a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. A ruta partirá ás 11:30 horas do Museo da Terra de Melide.
O domingo 21 terá lugar o segundo espectáculo dentro da programación de Domingos Infantís. A Compañía Magia en la Manga presenta Maxia, Misterio e Outras Historias. Trátase dunha reinvención de números clásicos da maxia que achegará sensacións únicas para toda a familia, demostrando que o misterio da maxia pode cativarnos a
calquera idade. Será ás 12 horas no cantón de San Roque. Unha hora despois, ás 13 horas, comezará na zona vella a primeira das actuacións do ciclo de Vermú no Camiño. Amenizará a sesión o grupo Covers Lovers, formado por Lucía Lugrís e Rubén Aranza, quen traerán de volta, en acústico, grandes temas dende os anos 80 ata a actualidade.
Na derradeira fin de semana de xullo, o sábado 27 e o domingo 28, Melide acollerá unha nova edición do Festival SBK. Está organizado pola Asociación Alecrín.
Publicidade
O domingo 28, ás 13 horas, celebrarase na zona vella de Melide a segunda sesión de Vermú no Camiño. Desta volta será a quenda de Nunzia&Joel, quen farán un percorrido polos grandes temas do rock internacional, na voz da recoñecida cantante italiana Nunzia Giannotta.
A primeira das dúas Noites Musicais deste Verán Cultural terá lugar o sábado 3 de agosto
dende as 22 horas na Praza do Convento. Actuarán Sabela King & The Heartbreakers. Este
sexteto móvese entre o blues, o country e o soul dos anos 50 e 60, xunto con temas actuais. Parte do repertorio está composto por temas propios, acompañados polo ukelele, voz, baixo, percusión e harmónica.
Ao día seguinte ás 12 da mañá volve o Domingos Infantís cun concerto de Música Miúda.
No espectáculo danse a man os dous contacontos musicais do proxecto, “Historias de Bemol Pequeno” e “Cambia o conto”, cun repertorio actualizado co seu libro-disco “Cambia o conto”. Antía Carapuchiña, o dinosaurio Pepón, o pirata Efrén, a avoa Lola e
máis personaxes ofrecen un espectáculo de música ao vivo para toda a familia.
Unha hora despois, ás 13 horas, a zona vella de Melide acolle un novo Vermú no Camiño, a
cargo de Carlos Bau Dúo. O grupo rende tributo a dous dos grandes do pop español, LOS SECRETOS e HOMBRES G, coas cancións que marcaron varias xeracións.
A seguinte fin de semana chega cargada de actividades. O sábado 10 de agosto, ás 22 horas, transcorrerá na Praza do Convento a segunda e última das Noites Musicais deste verán con Lucía Aldao, quen traerá a súa proposta musical PAVA. Un directo pegadizo que vai da psicodelia ao pop rock máis alternativo con ecos de crúas guitarras velvetianas.
Publicidade
O domingo 11 ás 12 horas da mañá, no cantón de San Roque, os Domingos Infantís chegan á súa fin con Asacocirco Show. Trátase dun espectáculo de maxia cómica que inclúe acrobacias mesturadas con xogos participativos co público. O espectáculo combina
humor e destreza física a partes iguais, xuntando técnica e ritmo. Ás 13h, The Versionettes amenizarán o Vermú no Camiño na zona vella. O grupo coruñés trae grandes versións de todos os tempos: de Tom Petty a Coldplay pasando polos Stones, Bowie, ACDC, Dylan, U2, Radiohead, The Killers, Pink Floyd ou Queen, cun toque moi persoal.
O domingo 1 de setembro, a programación péchase co derradeiro Vermú no Camiño, na
mesma hora e lugar que os anteriores. Esta vez tocaralle a Pablo Balseiro Trío amenizar a
xornada, propondo unha viaxe musical que mestura rumba, rock, blues ou música de raíz
a través dunha proposta intimista pero enérxica.
Comments