Ecos da Comarca/Xeral
O 112 Galicia vén de rexistrar, entre as 9:00 e as 18:00 horas, un total de 162 incidencias relacionadas co vento, aínda que a chuvia tamén deixou varios incidentes. A provincia máis afectada foi a de Pontevedra, cun total de 79 incidencias, seguida pola da Coruña, con 55, a de Ourense con 15 e, por último, a de Lugo con 12. A restante foi rexistrada noutra comunidade.
A maioría dos incidentes estaban relacionados coa caída de árbores e pólas na calzada, rexistrándose un total de 60. Tamén se contabilizaron 29 motivados pola presenza de varios obxectos nas estradas. Os servizos de emerxencias tiveron que intervir para evitar riscos nun total de 18 ocasións. Igualmente, foron rexistrados 15 incidentes debido á caída de cables de luz ou de telefonía nas estradas, entre outras.
Aínda que por fortuna a maioría das incidencias rexistradas non revestiron gravidade, a caída de árbores e pólas nas estradas si que provocaron alteracións no tráfico. Este foi o caso, entre outras vías, da LU-232 ao seu paso por Lugo e Friol, con varios tramos afectados que provocaron que se cortase a circulación a través da estrada.
En Santiago, en San Xoán de Fecha, sobre as dúas deste mediodía, un particular que circulaba pola DP-0701, informaba ao 112 Galicia da caída dunha póla dunha árbore sobre o seu coche, causándolle danos no vehículo. O dono, resultou ileso. As forzas da orde e o persoal de mantemento da vía desprazáronse ata o lugar nada máis ser avisados polo 112 Galicia. Tamén, na mesma liña, o 112 Galicia era informado preto das cinco e media, da caída dunha árbore sobre dous coches que estaban aparcados no lugar da Carreira, en Cans, no Porriño. Tampouco houbo que lamentar danos persoais.
O 112 Galicia tamén tivo constancia sobre as 18:00 horas, da caída dun raio sobre o tellado dun colexio en Mogor, na localidade de Mañón. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais, a caída do raio nin sequera chegou a producir incendio. Así o comunicaban os membros do GES de Ortigueira que se desprazaron ao punto. Tan só saltou o diferencial que queimou parte do tellado de uralita. En Esteiro, tamén un raio provocou danos nun farol ao alcanzalo, o que fixo que se visen afectadas varias pezas do mesmo. A persoa que alertou ao 112 Galicia disto tamén indicou que tras isto quedaron sen luz na súa vivenda.
Publicidade
Tamén a chuvia deixouse notar, en Pontevedra, á altura de Ence, un particular informaba ao 112 Galicia de que a PO-11, ao redor do quilómetro 2, a estrada estaba completamente anegada a causa da subida da marea. Foi preciso o corte da estrada en ambos os dous sentidos de circulación entre os quilómetros 1.2 e 3.7, sentido Marín. Os axentes de Tráfico habilitaron unha vía alternativa, a PO-546, para o tránsito de vehículos.
Os fortes ventos provocaron que se desprendesen cascotes dun edificio abandonado situado na rúa Sanjurjo, en Vigo, os cales caían sobre a beirarrúa. De igual maneira, en Sada, un particular informou dunhas pedras que caían dende unha fachada, con posibilidade de caer sobre a calzada.
En Vedra, o vento levou parte do tellado dunha casa, o cal bateu contra un poste e provocou que os cables de media tensión quedasen tirados pola pista. Do mesmo xeito, o tellado desprendido tamén bateu posteriormente contra a fachada doutra vivenda.
Comments