top of page

O TSXG frea cautelarmente o proxecto eólico Zamorra, en Agolada, a instancias de ADEGA

Ecos da Comarca/Agolada

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de acordar a suspensión cautelar do proxecto eólico Zamorra, promovido pola empresa Green Capital Power S.L., tras estimar a solicitude da organización ecoloxista ADEGA. Este proxecto contempla a instalación de 7 aeroxeradores de 200 metros de altura entre dous espazos naturais protexidos como Rede Natura, a ZEC Sobreirais do Arnego e a ZEC Serra do Careón, no concello de Agolada.


Existen evidencias, tal e como explica ADEGA, tamén de que este proxecto sexa produto da fragmentación artificial doutro proxecto eólico autorizado na zona e denominado Estivada, promovido pola mesma empresa e tamén recorrido por ADEGA en sede xudicial. "Ambos os dous supoñerían unha auténtica barreira de paso para a avifauna; ademais de comprometer seriamente o caudal e a calidade das augas de consumo dunha ampla poboación rural".

Sobrerais do Arnego. Fonte: ADEGA.
Sobrerais do Arnego. Fonte: ADEGA.

Impacto severo sobre especies vulnerábeis e endémicas

O alto tribunal galego sostén a súa decisión en boa parte dos argumentos esgrimidos por ADEGA, que achegan "indicios suficientes de que os danos que este proxecto exercerían sobre o medio ambiente serían efectivos e irreparables". En concreto, o parque eólico Zamorra sitúase a escasos metros de zonas de alto valor ecolóxico coma os Sobreirais do Arnego e a Serra do Careón, espazos con presenza de especies de avifauna ameazada como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), ademais de especies de flora vulnerables e endémicas -exclusivas dese espazo- coma a Centaurea gallaecica. Por todo isto, a sentenza do TSXG destaca como "feito notorio" que a instalación dos 7 aeroxeradores do proxecto Zamorra sobre este espazo natural producirían un impacto negativo tanto no propio ambiente, coma na paisaxe e no territorio, e máis tendo en conta, sinala o tribunal, a confluencia de varios proxectos eólicos nas inmediacións deste. Se ben o TSXG, en vía cautelar, non entra a valorar a posible fragmentación artificiosa dos proxectos Zamorra e Estivada, dado que esta circunstancia está ligada ao fondo do asunto, tampouco pasa por alto este feito, e mantén aberta a posibilidade de que a Declaración de Impacto Ambiental estea mediatizada por esta situación.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Prevalencia da protección ambiental

O TSXG aplica nesta resolución o principio de precaución do Dereito Comunitario, en base ao cal é preferible previr os danos ambientais antes que corrixilos a posteriori, dado que que unha eventual anulación do proxecto unha vez iniciadas as obras suporía un alto custo de restauración ambiental. Ao mesmo tempo, o tribunal lembra que, aínda que o proxecto conta cunha Declaración de Impacto Ambiental favorable, isto non implica a eliminación total dos riscos ambientais. En caso de conflito entre intereses económicos e protección do medio ambiente, en sede cautelar debe priorizarse a conservación dos ecosistemas sobre os intereses empresariais. Así pois, con esta resolución, o TSXG reforza a necesidade de garantir a protección do patrimonio natural galego fronte á proliferación de proxectos industriais con potencial impacto negativo sobre o entorno.


Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

"Máis un logro da campaña #TiPodesParalos!"

ADEGA quere expresar un fondo agradecemento a todas aquelas persoas, colectivos e plataformas que fixeron posible este logro xudicial coas súas achegas á campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos (https://tipodesparalos.helpbysc.com/zamorra). En especial, ADEGA parabeniza e agradece o apoio da veciñanza implicada, e tamén da Federación Galega de Montañismo, Catro Ventos Editora e Acontravento, que fixeron achegas á campaña. Grazas a #TiPodesParalos, a organización puido recorrer na vía contencioso-administrativa ata o momento máis dunha trintena de proxectos eólicos aprobados pola Xunta de Galiza o pasado ano, para os cales o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa acolleu a súa solicitude de suspensión cautelar en máis da metade.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page