O teatro musical, protagonista o sábado 28 do XVI Día da Música en Silleda
- Laura Moure
- 15 jun
- 3 Min. de lectura
Os actores Cristina Collazo e Josito Porto participarán nos concertos da xornada, que volta á Carballeira das Pedrosas
Laura Moure/Silleda
O Día da Música volta a Silleda co teatro musical como protagonista, nunha xornada con diferentes actividades que continúan a aposta dinamizadora da Escola de Música Municipal de Silleda e a Banda Municipal de Silleda. O teatro musical será o eixo central da xornada prevista para o vindeiro sábado 28 no Parque Municipal das Pedrosas, onde sonarán xéneros como a ópera, zarzuela e o musical.
A cita volve estruturarse en varios bloques, con actividades de carácter máis pedagóxico pola mañá, os concertos centrais e outras cun aspecto máis lúdico como a cea de confraternidade xa pola noite.
O Día da Música arrancará ás 11:00 horas cun pasarrúas da Banda de Música Municipal de Silleda polas rúas da vila. A continuación haberá xogos e obradoiros musicais para a cativada e non faltará a degustación ofrecida pola Asociación Cultural O Lacón.
O primeiro dos tres espectáculos está previsto para as 13:00 horas, baixo o título “Viaxe ao centro da ópera”, a cargo da banda infantil e a xuvenil. Esta proposta busca achegar ao público máis novo ao universo da ópera, un xénero nacido no século XVII en Italia e que combina música, teatro e escenografía para contar historias intensas e apaixoantes.

Despois do xantar, previsto para as 14:00 horas, a xornada vespertina continuará co segundo dos concertos: “De paseo por Broadway”, onde o alumnado da Escola de Música Municipal de Silleda repasará algún dos musicais máis coñecidos. O musical, como xénero, naceu a finais do século XIX e consolidouse nos teatros de Nova York como unha das formas máis populares de espectáculo escénico, combinando canción, diálogo e baile.
Tomará o relevo a zarzuela, co concerto final (19:30 horas) que ofrecerá a Banda de Música de Silleda. No espectáculo “Antoloxía da zarzuela” a formación bandística estará acompañada polas voces de dous recoñecidos artistas galegos: o barítono Gabriel Alonso e a soprano Susana G. Pico, que darán vida a arias e romanzas inesquecibles deste repertorio.
Este xénero genuinamente hispano, que mestura partes cantadas e faladas, floreceu no século XIX como unha expresión artística moi ligada á identidade cultural de España.
Na presentación dos concertos participarán ademais dous recoñecidos rostros da escena galega, a silledense Cristina Collazo e músico e actor Josito Porto.
O remate da xornada chegará ca cea de confraternidade, para a que se poñerán á venda as entradas a partir da vindeira semana na sede da Escola de Música (o xoves 26 será o último día para retirar as entrada), á que seguirá a verbena amenizada charanga BB+.
Publicidade
O director da banda, Rafa Agulló, xunto co presidente da formación, Herminio Gómez, a alcaldesa, Paula Fernández e a concelleira de Cultura, Mónica González, presentou hoxe o programa dunha cita que ten como obxectivo socializar, compartir, educar e enriquecer musicalmente tanto alumnos, como familias, socios e veciñanza en xeral.
Dende a organización, Rafa Agulló e Herminio Gómez agradeceron a colaboración do Concello de Silleda, a Deputación de Pontevedra, Fundación Semana Verde, a Festa do Lacón de Silleda, Anpa Musiquiños e Asociación de Amigos da Banda a súa colaboración co Día da Música, na que se conmemora a data instaurada en Francia en 1982, celebrando o día internacional desta arte o 21 de xuño.
Dende a formación silledense elixese cada ano unha temática para conmemorar esta efeméride resaltando os valores da música como linguaxe universal. Pola súa banda a alcaldesa, Paula Fernández, felicitou á formación por esta iniciativa, que segue a medrar cada ano, “e que xa é un certame indispensable no calendario cultural do noso municipio”.
Comments