O director xeral de Comercio e Consumo e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia visitaron o obradoiro de zocos de Elena Ferro, que está en funcionamento desde 1915 e que no ano 2019 foi galardoado co Premio Nacional de Artesanía
Laura Moure/Vila de Cruces
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou este martes o obradoiro de elaboración de zocos Eferro en Merza (Vila de Cruces). Durante a visita, na que estivo acompañado pola xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, Heredia destacou que Eferro, galardoada en 2019 co Premio Nacional de Artesanía, é unha empresa familiar que constitúe un referente no relevo xeracional do sector artesán galego, así como na actualización dun oficio de tan fonda tradición en Galicia como é a elaboración de zocos, que estaba practicamente extinto, ata convertelo nun produto adaptado ás tendencias da moda actual.

Elena Ferro pertence á terceira xeración dunha familia de zoqueiros que comeza a traballar no ano 1915. Baixo a marca Eferro, conseguiu transformar un artigo asociado ao rural nun complemento de moda, engadíndolle un elevado grao de innovación a un produto tradicional. Combinando a marroquinaría coa elaboración de zocos, no seu obradoiro traballan na reinvención do oficio integrando deseño e ergonomía co obxectivo de salvagardar os sinais culturais galegos.
Actualmente, Elena Ferro é un claro exemplo de emprendemento no rural e de divulgación dos oficios artesanais galegos, para o que participa en multitude de iniciativas como charlas, exposicións, demostracións ou proxectos didácticos.
No ano 2010 foi galardoada co VIII Premio Antón Fraguas de Artesanía e no ano 2011 foi finalista dos Premios Nacionais de Artesanía na categoría Premio Produto. Elena Ferro participou tamén na exposición colectiva de artesanía contemporánea Os roteiros da forma, organizada en 2021 pola Fundación Artesanía de Galicia en colaboración coa Fundación RAC, en Pontevedra.
Na mostra participou con dúas das pezas (Cactus e Xadrez) que Elena Ferro elabora para as redes sociais de Eferro, nas que os zocos se descontextualizan a modo de poemas visuais para enriquecer o imaxinario colectivo.
Comentários