O SLG e veciñas de Touro-O Pino denuncian "a falta de recoñecemento da Xunta e acoso mineiro"
Recalcan que "a mina afecta a granxas existentes na zona, a propietarios de parcelas situadas a poucos metros do proxecto, así como ás augas, pastos, camiños e á calidade de vida da veciñanza"
Ecos da Comarca/Touro/O Pino
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), xunto ás veciñas e os veciños de Touro-O Pino, denunciaron onte en rolda de prensa no local nacional da organización, en Santiago de Compostela, que "mentres a empresa Cobre San Rafael vén exercendo nos últimos meses presións e acoso sobre a veciñanza, a administración galega segue negando ás persoas afectadas o recoñecemento como parte interesada nos procedementos administrativos relacionados coa mina". Esta exclusión, lamentan, "impídelles exercer os seus dereitos de participación, acceso á información e defensa do seu territorio, a pesar de seren elas as que sofren directamente as ameazas, a contaminación histórica e os impactos socioeconómicos do proxecto".
Participaron na rolda a gandeira e Secretaria Xeral do SLG, María Ferreiro Santos, xunto a Marta Curros Ferro e Ricardo Ares Louzao, que testemuñaron o caso como veciñanza afectada. Tamén estiveron na mesa Patricia Iglesias (Amigas da Terra) e Sergio Fernández (Enxeñería Sen Fronteiras).
O novo proxecto de reapertura da Mina
Na actualidade atópase en tramitación un novo proxecto de reapertura da Mina de Touro, cuxa exposición pública se realizou en novembro de 2024. Durante o período de información pública do Proxecto Cobre San Rafael, situado nos concellos de Touro, O Pino, Arzúa e Vila de Cruces, presentáronse milleiros de alegacións de persoas físicas, así como de numerosas asociacións ambientais, sindicatos e empresas. Nestas alegacións xa se solicitaba formalmente o recoñecemento como persoa ou parte interesada.

Desde o período de información pública, o proxecto recibiu novos informes sectoriais de distintos departamentos da administración e outras respostas da empresa que probablemente modifican as condicións e as incidencias. "Por iso resulta fundamental que quen alegaron inicialmente poidan ser recoñecidos como parte interesada e ter a oportunidade de coñecer ditos informes antes de que se dite resolución, para poder acceder á proposta de resolución e expoñer a súa derradeira argumentación antes da resolución do expediente", salientan.
Durante máis de ano e medio, o Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial da Coruña requiriu ás persoas e organizacións que demostrasen a súa condición de interesadas. "Estas respostas foron presentadas en tempo e forma, en moitos casos defendendo o interese con base na condición de veciñanza, residencia ou titularidade de propiedades nalgún dos municipios afectados, así como no impacto directo que o proxecto ten sobre a calidade de vida e o medio ambiente", apuntan.
Denegación á veciñanza da condición de persoas interesadas
A finais de maio deste ano comezaron a recibirse as primeiras cartas denegatorias da condición de interesado dirixidas a veciñas e propietarios. A administración alegou que os argumentos eran abstractos e que non se acreditaba de forma indubidable un interese lexítimo, real ou unha utilidade xurídica, nin unha relación material unívoca co obxecto do proxecto. "Deste xeito vulneráronse os dereitos das persoas no procedemento, a pesar de que nalgúns casos se achegara a relación de propiedades que o proxecto expropiaría, publicada no DOGA xunto coa exposición do proxecto pola mesma administración que agora alega dúbidas na acreditación", sinalan e engaden que "para expropiar sábese quen son as persoas, pero para recoñecelas como interesadas esíxese demostrar que a leira é súa".
A resolución denegatoria cita a Sentenza do Tribunal Supremo 1743/2023 para esixir unha relación material unívoca. "Porén, esa mesma sentenza establece que existe interese lexítimo cando o mantemento da situación creada polo acto combatido lle orixine un prexuízo á persoa, mesmo se ese prexuízo se produce por vía indirecta ou reflexa. A pesar diso, a Xefatura Territorial de Mina da Coruña non parece ter claro como realizar a demostración de persoa interesada, aínda que dispón de todas as probas para comprobalo".
PUBLICIDADE
A afección do proxecto á contorna
O prexuízo non é unha simple preocupación abstracta pola legalidade, sinalan. "O proxecto afecta de forma directa, material e patrimonial ás persoas residentes ou propietarias de bens nos concellos pola propia desvalorización patrimonial. O valor inmobiliario e agrario das propiedades en Touro verase gravemente reducido pola proximidade dunha gran mina. Como residentes ou propietarias na zona, sufrirán directamente os efectos do po en suspensión con potenciais partículas contaminantes, os ruídos das voaduras e das operacións as 24 horas do día todos os días do ano, o risco de contaminación das augas superficiais e subterráneas que abastecen a poboación, a contaminación das hortas e cultivos, o grave risco de rotura dunha balsa de residuos tóxicos a 200 metros das vivendas habitadas e, en definitiva, ter unha mina contaminante no medio das aldeas".
Esta comunicación de denegación supón, salientan, "un incumprimento da lexislación especial de información ambiental". "A Lei 27/2006, que regula o acceso á información ambiental, recolle un principio de publicidade máxima. Ser veciñas/os e propietarias/os afectados outorga o dereito a acceder a toda a documentación actualizada en formato electrónico. Ocultar informes ou documentos durante o procedemento que non saíron á información pública inicial infrinxe o dereito a formular alegacións de forma completa, causando unha clara indefensión. O proxecto da mina San Rafael ten unha vertente ambiental innegable, polo que denegar a lexitimación á veciñanza ou ás persoas propietarias neste tipo de proxectos constitúe unha denegación ilexítima do dereito de acceso, vulnera a tutela xudicial efectiva e xera indefensión".
A Lei 39/2015 é clara: as organizacións representativas son interesadas
A Xefatura Territorial de Mina da Coruña argumenta que as persoas que xa foran recoñecidas no proxecto mineiro de 2017 non poden selo neste momento porque puideron mudar as circunstancias, a pesar de que nas alegacións e respostas aos requirimentos as persoas confirman atoparse na mesma situación. Isto sucede aínda que moitas destas persoas fosen relacionadas como propietarias no DOGA de novembro de 2024, onde se somete o proxecto a información pública, e a pesar de que foron requiridas tamén para confirmar ser propietarias dos bens relacionados nesa publicación, tal e como explican.
"A administración conta con documentos no seu poder sobre as persoas, que para unhas cuestións serven pero para outras son ignoradas, carecendo de toda lóxica e incorrendo en arbitrariedade nas súas decisións. De igual maneira se require e cuestiona sistematicamente que as organizacións sociais poidan ser consideradas parte interesada neste tipo de procedementos, mineiros, eólicos, de augas etc. Hai cuestións tan esperpénticas como que, se se presenta por parte do SLG unha denuncia pola contaminación dos ríos e dos terreos pola rotura dunha balsa mineira, e que Augas de Galicia considere que non se é parte interesada".
No caso do SLG, salientan que son unha organización recoñecida como máis representativa pola Lei 1/2006 do Consello Agrario de Galicia. "Ademais, temos presenza en numerosos órganos oficiais de diálogo coa administración: Consello Económico e Social de Galicia, Consello Galego de Medio Ambiente, Consello Forestal de Galicia e Consello Reitor de Augas de Galicia. Nos nosos estatutos figura a defensa dos intereses sociais, económicos e profesionais dos labregos e labregas. Isto convíertenos nunha organización titular de intereses lexítimos colectivos, tal e como recoñece a Lei 39/2015.
A Lei 39/2015 é clara: as organizacións representativas son interesadas. O seu artigo 4.2 di textualmente que as asociacións e organizacións representativas de dereitos económicos e sociais serán titulares de intereses lexítimos colectivos. A lei di "serán titulares", non "poderán ser". Por iso nos preguntamos por que se nos nega sistematicamente este recoñecemento e consideramos que se debería inverter a carga da proba: debería ser a administración a que xustificase por que non somos interesados, e non ao revés".
PUBLICIDADE
A administración, lamenta, "veunos negando nos últimos anos a condición de interesado baseándose nas leis 21/2013 de avaliación ambiental e 27/2006 de participación pública, alegando que os estatutos do sindicato non mencionan explicitamente a defensa do medio ambiente, aínda que a nosa presenza no Consello Galego de Medio Ambiente desmente que carezamos de lexitimidade ambiental. Ademais, este proxecto e moitos outros non teñen só efectos ambientais, senón tamén efectos económicos, produtivos e sociais. A mina de Touro afecta a granxas existentes na zona, a propietarios de parcelas situadas a poucos metros do proxecto, así como ás augas, pastos, camiños e á calidade de vida da veciñanza dos concellos de Touro e O Pino e limítrofes".
Esta práctica da administración pretende, segundo o sindicato, "claramente eliminar a forte oposición á mina impedindo que as persoas afectadas e as organizacións sociais que as representan poidan acceder ao expediente, presentar alegacións durante a tramitación, ser notificadas das resolucións clave e recorrer a autorización final ante os tribunais. Aquelas persoas cuxos intereses lexítimos, individuais ou colectivos, poidan resultar afectados pola resolución administrativa deberían ser consideradas parte interesada. No caso dunha mina, os veciños das parroquias ou lugares próximos teñen un interese lexítimo porque a mina pode afectar a calidade das augas subterráneas e superficiais, a calidade do aire, o nivel de ruídos e vibracións, o valor das vivendas e terreos, a saúde das persoas e o desenvolvemento normal da vida comunitaria", conclúe.









Comentarios