O SLG critica a estratexia da Xunta fronte ao xabaril: "Recortes en prevención e aposta única pola caza"
- ecosdacomarca

- 10 dic 2025
- 3 min de lectura
O sindicato reclama apostar pola prevención, a bioseguridade e os métodos disuasorios
Ecos da Comarca/Xeral
O Sindicato Labrego Galego participou este martes na xuntanza do grupo de traballo polo xabaril, convocada pola Consellería de Medio Ambiente ante a aparición de casos de peste porcina africana (PPA) en Cataluña. No encontro estiveron representadas as organizacións agrarias, as federacións de caza, os tecores e outros axentes como a Garda Civil, o Seprona ou a Policía Nacional.

Tras participar na xuntanza, dende o SLG consideran "insuficientes as medidas de xestión do xabaril e da fauna silvestre propostas pola Consellería, que chegou á reunión sen medidas concretas e coa intención de limitarse a escoitar as achegas das partes presentes".
Recortes en prevención e medidas que non solucionan o problema
Dende o SLG ven con especial preocupación o recorte do 25% nos fondos destinados ás axudas de prevención de danos para 2026, que pasan de dous millóns de euros a millón e medio.“Esta redución parécenos incongruente coa preocupación que a Xunta di ter polos danos que causa a fauna silvestre”, denuncia Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG. "Non o entendemos. Non nos poden asegurar, por un lado, que están moi preocupados polos danos que causa a fauna silvestre, e despois propoñernos un recorte do 25% para a prevención e o pagamento deses danos".
Publicidade
A maiores, apunta que a Consellería segue "a apostar unicamente pola caza como soluciónpara a xestión do xabaril, mesmo cando os propios datos ofrecidos na reunión demostran que esta estratexia non funciona". "Vemos unha Consellería que en certa medida quere centralo todo en matar. Non hai outra idea pola súa parte para a xestión do xabaril", critica Álvarez. “Con todo, os datos din outra cousa”.
E salienta que a emerxencia cinexética, que se vén activando durante cinco anos consecutivos, "apenas incrementou as mortes nun 1%, unhas 200 máis das case 20.000 anuais. Incluso as federacións de caza presentes na xuntanza recoñeceron que non se lles pode pedir maior esforzo e que esta non é a solución ao problema. Ademais, moitos dos cadáveres dos animais abatidos acaban quedando no monte ao non haber quen os consuma todos, o que pode xerar outras emerxencias sanitarias. Os cazadores tampouco ven como solución a proposta de bonificación das taxas aos tecores que superen o límite de capturas".
Publicidade
As súas esixencias
Dende o SLG trasladáronlle á Consellería a necesidade de manter e incrementar o orzamento para a prevención e o pagamento dos danos causados pola fauna silvestre, así como de priorizar o acceso a estes fondos para as granxas de porco en extensivo, como as de porco celta, de xeito que poidan dotarse de peches que minimicen o risco de contacto entre a fauna silvestre e a doméstica ante unha eventual chegada da enfermidade.
"Tamén reclamamos que se aumenten as medidas de bioseguridade e que se proben métodos disuasorios, como xa se está a facer noutros países europeos, para afastar os animais das zonas periurbanas e de cultivos. Por último, demandamos un maior diálogo co sector, xa que este grupo de traballo só se reuniu en febreiro e en decembro deste ano.
Aínda que situación da Peste Porcina Africana parece controlada actualmente, é imprescindible manter e reforzar as medidas de prevención para evitar futuras emerxencias sanitarias que poñan en risco o sector porcino galego".
NOTICIA RELACIONADA:
A Xunta propón novas medidas de control do xabaril e bonificar as taxas aos tecores que superen o cupo de capturas: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-prop%C3%B3n-novas-medidas-de-control-do-xabaril-e-bonificar-as-taxas-aos-tecores-que-superen-o-cu








Comentarios