top of page

O Sindicato Labrego Galego alerta da grave seca que sofre Galiza e reclama á Xunta medidas urxentes

"De non buscar solucións, levará a grandes perdas ambientais e económicas no campo galego", recalca


Laura Moure/Xeral

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG) advirte que a seca que está a afectar a boa parte de Galiza xa está comprometendo seriamente a viabilidade económica de numerosas explotacións agrogandeiras e hortícolas, e que a situación pode empeorar nos vindeiros meses e anos se non se adoptan medidas urxentes.“O solo de Galicia non retén auga como acontece con outras zonas. Entón, cando vén un período prolongado de seca, aínda que teñamos reservas de auga, o terreo non ten auga e secan os cultivos”, comenta Brais Álvarez, apicultor e membro da executiva nacional do SLG. “É fundamental alertar desta situación que xa está comprometendo a viabilidade económica de varios sectores”.

ree

Unha consecuencia do cambio climático

Sinala que agás algunhas zonas do norte e da Mariña, o resto do país sofre un déficit hídrico moi acusado, repetindo patróns que o SLG xa advertira en 2023 como un síntoma evidente do cambio climático, e sobre o que se debían tomar medidas urxentes. "Naquel momento, a Consellería de Medio Rural comprometeuse a crear unha comisión para abordar esta nova realidade climática, mais a día de hoxe nada se avanzou.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

A falta de planificación e medidas de adaptación está a provocar que explotacións de leite e carne teñan que comezar a consumir xa as reservas de forraxe destinadas ao inverno, debido á escaseza de pastos e á mala produción da segunda corta de herba. Na horta, a seca e a ausencia de infraestruturas de rega adaptadas ao minifundio fan inviábel manter unha produción regular, mentres que cultivos como o castaño sufriron caídas prematuras do froito pola calor extrema de comezos de xullo".


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

O SLG lembra que os episodios de seca, combinados con temperaturas elevadas, baixa humidade e vento —o chamado “30-30-30”—, incrementan tamén o risco de grandes incendios forestais, cada vez máis prolongados no tempo e que este ano estase a ver unha vez máis que son un problema grave para o rural galego. Todo isto leva ao sindicato a esixir que se retomen e apliquen as medidas que se prometeron desde o ano 2023 para afrontar a seca e o cambio climático no sector agrario. "Porque a emerxencia climática é unha realidade que está a condicionar o presente do campo galego e precisamos respostas serias e inmediatas para protexer o seu futuro".


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page