"O silencio cómplice do goberno perante a inseguridade preocupa moito ao BNG de Lalín"
- ecosdacomarca
- 23 jul 2024
- 3 Min. de lectura
Acusa ao PP "de responsable" e esíxenlle "que escoite á cidadanía e actúe"
Ecos da Comarca/Lalín
A situación que se fixo pública en Lalín nas derradeiras semanas, tanto a través do BNG coma das distintas asociacións afectadas non foi máis ca o resultado de moito tempo no que unha realidade preocupante se instalou na vila sen que ninguén tomara partido, sinala o propio BNG. "Co paso dos días moitos veciños e veciñas mostraron a súa preocupación e contaron situacións vividas ao respecto a distintos membros do partido nacionalista, que ollan estupefactos como, tras saíren a luz datos e sucesos alarmantes e que deben ser tomados en conta e resoltos, o goberno mira cara outro lado sen inmutarse e, de mover ficha, faino para proferir a través dos medios de comunicación fallas de respecto innecesarias e de moi pouca habilidade política cara a oposición, centrando os seus ataques contra o voceiro do BNG, Paco Vilariño e o resto da militancia".

Tras case 15 días, os nacionalistas continúan agardando a que se lle responda á solicitude feita polo BNG da convocatoria dunha Xunta de Voceiros "na que tratar o tema da inseguridade cidadá que afecta ao noso concello e que se volveu evidente para todos os veciños e veciñas que o sofren día a día, excepto para aqueles que nos gobernan. A actitude do Partido Popular de negar ou ignorar todo aquilo que non lle ven ben é unha constante a nivel da organización máis, como goberno, atender ás peticións da oposición e dos e das lalinenses tería que ser unha responsabilidade e obriga” aclara Vilariño, que considera unha total ofensa cara todos aqueles que viven preocupados pola situación na que está sumida a capital dezá.
Solicitan novamente que o alcalde, José Crespo, responda á solicitude, tamén feita por eles, de celebrar con carácter de urxencia unha Xunta de Seguridade, cando se detectou o problema e lle foron chegando novas sobre as situacións que se estaban a vivir, que comezaron con problemas no padrón municipal e das que día a día din recibir novidades.
Publicidade
Lembran tamén ás asociacións implicadas nestes ámbitos, "que levan traballando moitos anos con colectivos desfavorecidos, de gran mérito e merecente de recoñecemento, e que precisan e demandan ser escoitadas como partícipes directas e afectadas". Así
mesmo, instan ao goberno a "que deixe de mirar cara outro lado, que tome parte no problema e deixe de ignoralo, xa que facelo desaparecer sen tomar medidas ao respecto
é imposible chegado á este nivel de gravidade. “É unha cuestión de responsabilidade,
gobernar e garantir a calidade de vida dos lalinenses e a súa seguridade, sexa cal sexa a
súa nacionalidade é un deber do goberno, sen excusas e sen silencios cómplices que o
único que fan é facer sentir inseguridade á poboación” apuntan dende o BNG a través do
seu portavoz.
Engade o seu voceiro, que o resposta que recibíu do PP á moción presentada polos
nacionalistas, e que se vai debater no vindeiro pleno municipal de crear unha Comisión de
Investigación do Padrón Municipal, "non foi outra que a de negar a realidade e recibir
insultos, cando vemos como por parte da institución non só afirman que non existe o problema, senón que lle negan á veciñanza poder ter acceso á documentación cando se
personan no Concello para saber como é posible que existan persoas que nin coñecen
nin nunca residiron nas súas propiedades". Lembra o nacionalista que "pode existir un
delito penal" e que desde o BNG van loitar "contra calquera tipo de mafia que poida existir
no noso concello".
Publicidade
Agardan, polo tanto "respostas claras e actitudes diferentes ás percibidas por todas e
todos ata o de agora, que foron derivadas dun tento de disuadir a atención do que realmente ocorre con trabas, silencios e acusacións totalmente infundadas cara os
nacionalistas, que piden respecto e solucións".
Comments