Nunha primeira fase, supervisaranse os establecementos comerciais e de hostalaría con visitas formativas e informativas para valorar o nivel de cumprimento da normativa actual
Laura Moure/Silleda
A partir do 13 de xaneiro, o Servizo de Vixilancia, Inspección e Control en materia de residuos (SEVIC), impulsado pola Deputación de Pontevedra, comezará as inspeccións no Concello de Silleda no marco do convenio de adhesión asinado entre ambas administracións. Estas actuacións teñen como obxectivo supervisar a correcta separación e recollida de residuos municipais, tanto nos fogares como no sector servizos e nos comercios, tal e como establece a Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
Este convenio permite que a Deputación asuma, mediante encomenda de xestión, a supervisión e inspección en materia de residuos, facilitando ao Concello de Silleda os recursos técnicos e humanos necesarios para cumprir coa normativa e mellorar a eficiencia na reciclaxe. Segundo Manuel Requeijo, “O SEVIC, axudará a que a cidadanía e o tecido económico local estean preparados para cumprir cos retos ambientais que temos por diante.”
Nunha primeira fase, o SEVIC centrarase na supervisión dos establecementos comerciais e de hostalaría de Silleda, realizando visitas formativas e informativas para valorar o nivel de cumprimento da normativa e axudar a implementar boas prácticas na separación e recollida. Durante estas visitas entregaranse guías explicativas e establecerase un contacto telefónico para resolver calquera dúbida.
O equipo do SEVIC, composto por persoal técnico con funcións de axente da autoridade, avaliará a separación correcta dos residuos e propoñerá recomendacións ou medidas correctivas para corrixir posibles deficiencias.
Publicidade
Estas actuacións, que se desenvolverán no marco do Plan Bianual 2024-2025 do SEVIC, son unha ferramenta clave para mellorar a xestión de residuos en Silleda, reducindo a presenza de impropios e mellorando a calidade da reciclaxe. O convenio entre o Concello e a Deputación permite aliviar a carga administrativa local e asegurar que o municipio cumpre cos estándares da Lei 7/2022, evitando sancións e promovendo un modelo de economía circular.
Pola súa parte, o Concello de Silleda anima á veciñanza e ás empresas locais a colaborar activamente con este servizo, garantindo así un impacto positivo no medio ambiente e un paso máis cara a unha xestión sostible dos residuos.
Comments