top of page

O servizo de atención diúrna de COGAMI en Medelo pecha o mes de agosto por vacacións

As persoas usuarias que acoden a este centro de atención diúrna de luns a venres volverán no mes de setembro a ocupar as instalacións


Laura Moure/Silleda

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) dispón de cinco centros de atención diúrna que prestan apoios para cubrir as necesidades das persoas con discapacidade e familias, mellorando a súa autonomía e calidade de vida. Ofrece prazas de centro de atención terapéutica e ocupacional concertadas coa administración pública e tamén conta con prazas privadas. Un destes centros está en Medelo, en Silleda, ao que acoden a diario de luns a venres 27 persoas con discapacidade, maiores de 16 anos e procedentes dos concellos de A Estrada, Cuntis, Forcarei, Silleda, Vedra e Vila de Cruces.

Usuarios de Cogami Medelo desfrutando dunha ruta de senderismo.

Un equipo formado por 13 profesionais con anos de experiencia, valora as necesidades de cada persoa usuaria que entra no centro e deseña, consensuado coa propia persoa e coa familia, un plan de atención individualizado axustado ás súas necesidades e adecuado aos programas e servizos que presta o centro. “O centro de Medelo é un recurso onde as persoas teñen a oportunidade de compartir experiencias e crear vínculos e relacións sociais e de amizade con persoas que se encontran en similares situacións. Ao mesmo tempo, realizan actividades que promoven a súa vida autónoma e tendentes a facilitar a súa inclusión”, explica Iván García, director do centro.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Ademais de transporte adaptado e comedor, reciben servizos de rehabilitación ofrecendo atención psicolóxica e pedagóxica, deporte terapéutico, teatro e terapia ocupacional. Tamén se traballa a formación a través de cursos de formación básica educativa, alfabetización dixital, educación social e formación prelaboral en obradoiros de cerámica, tecidos, coiro, horta e artesanía. Este centro ten moita actividade dentro da comunidade, participa en feiras nas que pon á venda os produtos artesanais que elaboran no centro, realizan saídas e visitas a museos, praias, fan rutas de sendeirismo, participan en festas patronais dos concellos nos que ten ámbito de actuación e realizan unha vez ao ano xornadas de respiro onde son as propias persoas usuarias as que deciden a que sitios ir, como os San Fermíns ou Tenerife.


O centro de Medelo tamén convida a outros organismos e organizacións para ofrecer charlas informativas no centro, como unha sobre ciberacoso e seguridade na rede que lles impartiu a Garda Civil de Pontevedra.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Como se accede a unha praza?

 As prazas en centros son un dos recursos dispoñibles na carteira de servizos sociais para persoas en situación de dependencia. Existen dúas modalidades de prazas: públicas e privadas. Estes centros están destinados a persoas maiores de 16 anos con discapacidade e dependencia. Para solicitar unha praza pública, a persoa interesada pode contactar con calquera dos cinco centros de COGAMI ou tamén a través da área do equipo de traballadoras sociais da entidade.


Deberá manifestar o seu desexo de acceder a este servizo, para que sexa incluído no seu plan individual de atención e poida serlle asignada unha praza pública cando haxa dispoñibilidade. Cando non hai vacantes, existe a posibilidade de acceder a unha praza privada, mediante a contratación dun número de horas semanais de atención e servizos, ou a través da prestación económica vinculada á contratación de servizos, outro dos recursos da carteira de servizos sociais.

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page