Sanidade fai un chamamento á cidadanía para que se vacine contra a gripe, se é poboación diana, use a máscara se é preciso, e que acuda ao PAC máis próximo ao seu domicilio, se a súa patoloxía o permite
Ecos da Comarca/Xeral
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asistiu hoxe á reunión que diariamente leva a cabo a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas para avaliar a situación dos servizos de urxencias dos centros hospitalarios e de atención primaria da rede sanitaria pública galega, para modular, se é necesario, os plans de continxencia de cada área sanitaria. Na reunión, o titular da carteira sanitaria, agradeceu o traballo dos profesionais nun momento de alta demanda.
O conselleiro lembra que “todo paciente que chega grave a urxencias é triado e atendido de xeito inmediato”. “Gustaríanos atender antes a todos os pacientes pero debemos rexirnos pola triaxe e atender primeiro ao que non pode esperar”. Así, no día de onte, 1 de xaneiro, atendéronse 2.153 urxencias de adultos, algo por debaixo da media do mes de decembro. En canto aos pacientes pediátricos, atendéronse a 635, 54 menos que o mesmo día do ano 2023. A pesar desta leve diminución de atencións, non se descarta que volvan incrementarse nos vindeiros días coincidindo co pico da gripe.
Publicidade
Subliñar que, durante a fin de semana, se produciron altas que permitiron ingresar a pacientes que así o requirían. En todo caso, aínda non chegamos ao pico da gripe, polo que o Sergas ten os plans de continxencia preparados para seguir desenvolvéndoos se é necesario, como xa se fixo a semana pasada.
Publicidade
Na reunión desta mañá repasáronse as medidas postas en marcha en cada área sanitaria, con máis recursos abertos nas propias áreas de urxencias, como en zonas de hospitalización, asi como reforzos con profesionais, nalgúns casos, do propio servizo con quendas adicionais. Ademais, plantexouse a axilización de probas e dos resultados.
Publicidade
Con todo, a actividade cirúrxica non se suspendeu, aínda que en áreas como a de Vigo, se reprogramaron as intervencións demorables para poder atender todas as prioritarias, como así está sucedendo.
Por último, insistiuse en que é fundamental que o paciente que precise atención acuda, se é posible, ao Punto de Atención Continuada máis próximo ao seu domicilio, máis resolutivo para patoloxías menos graves.
Comments