top of page

"O sendeirismo está de moda polos seus beneficios para a saúde, tanto física coma mental"

"O rural para Patrimonea é o seu medio natural e apostamos por un turismo de proximidade e que repercuta na comunidade local"

Darío Rey Suárez.

ENTREVISTA AO VECIÑO DE TOURO DARÍO REY SUÁREZ, FUNDADOR DE PATRIMONEA


Laura Moure/Touro

ECOS DA COMARCA aposta polo rural e encántanos todos eses outros proxectos que fan o mesmo. Hoxe conversamos co veciño de Touro Darío Rey Suárez, fundador de Patrimonea.


1. Cando e como xorde Patrimonea?

Patrimonea nace como unha iniciativa de divulgación do patrimonio local a través dunha páxina de Facebook. Un xeito de dar a coñecer a historia do municipio de Touro, o meu concello, xa que por desgraza existen poucas investigacións ou iniciativas que poñan o foco neste lugar a pesares de contar cun extenso patrimonio material e inmaterial (poucos saben que nesta zona do Ulla tamén se cultivaban as vides en terrazas como na Ribeira Sacra, por exemplo). Ao pouco tempo, e grazas a unha conversa con Elena Vázquez do Pazo de Andeade, decidín darlle unha volta ao proxecto e ampliar os campos de actuación de Patrimonea que na actualidade se resumen en tres eixos:

  • Deseño técnico de roteiros de sendeirismo para entidades públicas. Neste campo destacamos pola creación de itinerarios que apostan pola recuperación de camiños tradicionais e elementos etnográficos. Por exemplo, acabamos de entregar o proxecto dun roteiro para o Concello de Trazo no que descubrimos un muíño con lacenas de apicultura, unha singularidade na comarca de Compostela. Tamén podemos adiantar que estamos traballando na comarca de Arzúa nun roteiro que recuperará varios quilómetros de corredoiras e que é bastante explicativo do traballo que facemos: poñer en valor o que está olvidado.

  • Campañas de promoción turística con bloguers. O noso traballo consiste en facer un artigo que recolla o interese que ten un municipio en particular para logo posicionalo en internet e facelo visible ante os potenciais visitantes. Neste senso traballamos con blogueiras recoñecidas a nivel nacional e internacional como por exemplo Eva Abal de unaideaunviaje. As Pontes, Padrón ou Trazo son algúns dos municipios nos que traballamos e que xa contan con milleiros de lectores grazas a eses artigos.

  • Organización de roteiros para entidades públicas e privadas. Como empresa autorizada de turismo activo encargámonos de organizar roteiros para concellos. Tamén organizamos os nosos propios roteiros que están tendo unha boa acollida.


2. Quen forma parte deste proxecto?

A idea e a cara visible do proxecto é a miña aínda que conto con diversas colaboracións. Podemos falar das persoas que nos apoian dende as axencias de viaxes, a propia Elena do Pazo de Andeade ou o meu compañeiro Roberto que como enxeñeiro é o encargado de elaborar a parte técnica dos roteiros de sendeirismo.


3. Por que decidiches facer o primeiro paquete turístico cos encantos de Touro?

Estamos acostumados a un turismo de masas e de consumo rápido. Sen embargo, nos tempos que vivimos nos que a sustentabilidade debería ter un papel fundamental en todos os ámbitos das nosas vidas decidimos apostar por un turismo de proximidade e que repercuta na comunidade local. Isto significa dirixirse a un público moi específico, e polo tanto máis reducido, que ten interese polo patrimonio natural e cultural das comunidades rurais. Vivir a experiencia de dormir nun pazo do siglo XVIII, andar pola ribeira da ulla coñecendo a historia que hai detrás da paisaxe ou probar a gastronomía local son os puntos fortes deste paquete turístico que agardemos que colla forza no vindeiro ano.


4. Dada a participación que estades tendo nas rutas, supoño que estás contento coa boa acollida?

Tendo en conta o pouco tempo que lle podemos adicar a isto e que acabamos de comezar no medio dunha pandemia, sen dúbida foi un auténtico éxito. Cada evento que programamos chega xente de toda a xeografía galega (A Coruña, Carballo, Ourense, Vigo…). E algúns deles xa están repetindo o que para nós é un orgullo.


5. Estás notando que a raíz da pandemia a xente aposta máis polo sendeirismo?

Non temos experiencia previa xa que acabamos de comezar, pero sen dúbida o sendeirismo é unha actividade que está de moda polos seus beneficios para a saúde, tanto física como mental e máis nos momentos nos que estamos atravesando.


6. Para Ecos da Comarca o rural é fundamental. Que significa o rural para Patrimonea?

O rural para Patrimonea é o seu medio natural. Nacín nunha aldea de Touro, Cornado, e por cada sitio que paso exerzo de embaixador do meu concello. Durante unha viaxe que fixen a Irlanda decateime de que os principais puntos de interese que promocionaban estaban en entornos rurais e fíxenme unha pregunta: Por que en Europa presumen do seu rural e aquí non?


7. Consideras que crear un proxecto no e para o rural é atoparse con máis atrancos?

Sen dúbida. Tan só hai que ver a promoción turística que fan as administracións, centrada en turismo low cost en entornos urbanos, o que logo se traduce en problemas para os propios habitantes que escasas veces se ven beneficiados deste modelo. Pero iso non é excusa para nadar a contracorrente e propoñer novos modelos. Non inventamos nada novo xa que como dixen coñecín experiencias deste tipo en países como Irlanda ou Polonia.


8. E como xorde facer unha San Silvestre Sendeirista? Xa hai moitos anotados?

Dende fai anos gústame correr a tradicional San Silvestre en Compostela, un evento deportivo e lúdico que serve como celebración para pechar o ano. Este tipo de eventos sempre se celebran nas cidades así que decidín darlle unha volta ao concepto é convertir a tradicional San Silvestre nun roteiro sendeirista no concello de Touro, que

ademais contará con algunha sorpresa. Nestes momentos xa temos unha ducia de

inscritos a pesares de que a xente adoita esperar ao último intre para anotarse.


9. Como adiantaches máis arriba xa estades chegando a outros concellos.

Si. Os roteiros que organizamos até o de agora, de iniciativa privada e sen apoio institucional, son en Touro porque coñecemos o terreo en profundidade, pero cada vez son máis os concellos que confían en Patrimonea para poñer en valor o seu coa creación de novos roteiros, programas de andainas ou con campañas de promoción turística.


10. Xa tedes decidido novas rutas ou tedes algunha idea en mente que vos gustaría

materializar?

O vindeiro ano continuaremos programando os dous roteiros temáticos que xa temos en

marcha: Camiños da historia e Entre pazos, fervenzas e corredoiras, pero tamén

estrenaremos os roteiros que nos encargaron en diferentes concellos e algunha cousa máis

que vaia xurdindo.


NOTICIA RELACIONADA:

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page