O San Roque de Melide desvelou hoxe o seu cartel e actuará Heredeiros da Crus
- Laura Moure

- 18 jul 2025
- 4 Min. de lectura
Tamén, como cada ano, pasarán polo escenario as mellores orquestras de Galicia
Laura Moure/Melide
As Festas de San Roque volven este mes de agosto a Melide cunha semana de celebracións por toda a vila, onde salientan novamente grandes eventos musicais. O cartel oficial das festas foi presentado esta mañá na Casa do Concello. As celebracións están organizadas pola Asociación de Festas de San Roque, co apoio do Concello de Melide e a Deputación da Coruña.

As festas dan comezo o xoves 14 de agosto. Pola mañá, ás 10:30 horas, terá lugar o disparo de bombas de palenque, actividade que se repetirá durante todas as mañás da semana de festas. Ás 18 horas abriranse as atraccións e os postos da festa, e a continuación a charanga Leña Verde ofrecerá un pasarrúas moi animado dende as 20 horas, antes de dar unha actuación no Cantón de San Roque ás 23 horas. No mesmo lugar, xa ás 00:30, actuará a afamada Orquestra Panorama enchendo de ritmos animados a noite.
O venres 15, maiores e pequenos poderán desfrutar xuntos da Ruta Familiar en Bici que partirá ás 10:30 horas do Cantón de San Roque. Esa noite, porán a música e a diversión Mekánica Rolling Band (22:30h) e a orquestra El Combo Dominicano (00:30h), en senllos concertos no Cantón de San Roque.
O sábado 16 de agosto, as rúas estarán ateigadas de música e bo ambiente dende primeira hora. Ás 11 da mañá, a Banda de Música de Visantoña levará a cabo un pasarrúas pola vila. Ás 13 horas ofrecerá unha actuación na misa solemne da igrexa parroquial e, ás 14 horas, un concerto na Praza do Convento. No mesmo espazo, ás 19 horas, o público poderá desfrutar do espectáculo de circo e acrobacias Távole, a cargo de Circo Chosco.
Ás 21:30 horas, a Banda de Música de Visantoña ofrecerá un novo concerto no mesmo lugar. Ás dá comezo a actuación dos Melidaos no Centro Sociocultural Mingos de Pita, cun espectáculo único e especial no que estarán acompañados por grandes figuras da música tradicional galega. A medianoite, Melide vibrará coa actuación sempre enérxica e desenfadada dos veteranos Heredeiros da Crus. A noite péchase coa actuación da
orquestra Los Coleguitas a partir da 1:30 horas.
O domingo 17 de agosto, o pasarrúas correrá a cargo de Froito Novo, a partir das 11 da
mañá. A mesma agrupación actuará na misa solemne ás 13 horas. A mediodía, ás 14 horas, terá lugar unha comida campestre no inigualable marco da praia fluvial de Furelos, un dos espazos recreativos máis destacados do municipio.
Publicidade
Ás 19 horas, a Coral Polifónica de Melide ofrecerá un concerto na Praza do Convento, seguido por un divertido pasarrúas da charanga Eravisto. Ás 22:30 horas, na mesma praza, a Banda de Música de Arzúa levará a cabo a súa actuación. Ás 23 horas, no Cantón de San Roque, actuará a charanga Eravisto, seguida ás 00:30 horas polo grupo Bomba.
O ritmo non decae na segunda semana de celebracións. O luns 18 de agosto, o pasarrúas da Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla percorrerá o centro da vila dende as 11 horas, antes de ofreceren un concerto na Praza do Convento ás 14 horas. No mesmo lugar, xa pola tarde, Xampatito Pato ofrecerá o seu espectáculo de circo e marionetas Compaña, ás 19 horas. Ás 22 horas, a Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla ofrece un novo concerto na praza do Convento.
Á noite, dupla sesión de orquestra. Ás 23 horas terá lugar a actuación de Los Satélites no Cantón de San Roque, seguida a partir das 00:30 horas por Origen.
Publicidade
O martes 19, Herba Grileira protagonizará un pasarrúas a partir das 11 horas. Ás 19 horas, Ollo Piollo ofrece o espectáculo Sons na Batea na Praza do Convento. Trátase dun concerto musical con animación, con pezas de ritmos variados baseadas en contos infantís.
Ás 22:30 horas, a charanga Ardores actuará no Cantón de San Roque, antes da orquestra Olympus que fará o propio ás 00:30 horas.
O mércores 20 de agosto, as nenas e nenos da casa teñen unha cita ás 19 horas cos Bolechas para desfrutaren de O gran reto deportivo, un espectáculo de monicreques na Praza do Convento. E á noite, ás 22:30 horas, os Festicultores Troupe animarán a festa e porán o público a bailar no Cantón de San Roque, preparados para o concerto que ofrecerá posteriormente, ás 00:30 horas, a París de Noia.

O xoves 21 de agosto, as festas péchanse coa tradicional celebración do Día do Neno. Ese día, as cativas e cativos gozarán de descontos nas atraccións dende as 17 horas e, a
partir das 18 horas, poderán desfrutar de zumes e xeados de balde.
Un ano máis, o Concello parabeniza a comisión de festas polo seu traballo e convida a toda a veciñanza a desfrutar dunhas celebracións diversas e divertidas.








Comentarios