O río Furelos, ao seu paso por Santiso, está baixo vixilancia ante a subida puntual do seu caudal
- ecosdacomarca
- 12 feb 2021
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 12 feb 2021

Laura Moure/Santiso
As constantes borrascas rexistradas na comunidade galega nos últimos días son a causa pola cal a Xunta mantén activo o Plan Especial de Risco por Inundación ante a subida do caudal nalgúns ríos.
Actualmente, os cauces que están baixo vixilancia son os do Landro, en Viveiro; Mera, en Ortigueira; do Ouro, ao seu paso por Foz; Xubia, na localidade de San Sadurniño; Mendo, en Betanzos; Mero A Telva, en Cambre; Xallas, Santa Comba; Tambre, ao paso por Oroso; Dubra_Tambre, en Val do Dubra; Furelos, en Santiso e Miñor, á altura de Gondomar.
Segundo a información recibida a través dos sistemas de control e seguemento, ao superar os umbrais establecidos, estes cursos están presentando un crecemento significativo dos caudais, polo que poden producirse crecidas puntuais.
Ademais, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informa da situación doutros cursos fluviais, como a do río Mayor en Bergondo, a do Sar en Rois, en Fene a do río Cádavo e a do río Valga no seu municipio homónimo.
Con todo, para controlar os leitos máis afectados polas crecidas, diversas agrupacións de Protección Civil puxeron en marcha distintos operativos para comprobar a situación e revisar as zonas máis afectadas.
Pídeselle á poboación a necesidade de incrementar a precaución, principalmente nas estradas e vías secundarias próximas a pontes ou torrentes xa que a subida repentina do caudal pode provocar dificultades na circulación.
Comentários