Laura Moure/Arzúa
Arzúa estará presente por segundo ano consecutivo na trixésimo sexta edición da Feira Nacional do Queixo de Trujillo (Cáceres), do 29 de abril ao 2 de maio, en representación da Comunidade Autónoma de Galicia. Para iso, a Queixería Galmesán e Doces Mamá Teresa compartirán co público todo o seu saber e tradición a través do gran protagonista, o queixo.

Miles de amantes do queixo reuniranse para probar e adquirir os maiores manxares do mundo do queixo e poderán desfrutar dunha fin de semana fabulosa no plano cultural e gastronómico. Queixos nacionais e internacionais poderanse catar nesta feira de ámbito nacional, na que Arzúa e Idiazábal son as variedades invitadas este ano.
Para degustar algún dos queixos será necesario adquirir unha tarxeta de cinco euros, coa que cada visitante terá dereito a oito degustacións nos 100 expositores situados na Praza Maior. A relación de Arzúa con Trujillo vén de lonxe, xa que son dous concellos irmandados, cun protagonista común: o queixo.
En palabras de Begoña Balado, concelleira de Turismo de Arzúa, “estar presentes de novo nun acto como este e representar a Galicia é unha honra. A pasada edición levamos moi boas impresións e é unha canle perfecta para compartir con todo o mundo un dos nosos principais activos turísticos, o queixo”.
A feira completarase con obradoiros de queixería e catas de queixos. Os días 29 de abril e 2 de maio abrirá de 11:00 e 12:00 horas, ata as 16:00 horas e o resto dos días de 12:00 a 20.00 horas.
Tanto Galmesán coma Mamá Teresa agradecen ao Concello de Arzúa e ao Concello de
Trujillo a posibilidade que se lles ofrece de participar na feira, potenciando a actividade das queixerías situadas nos núcleos rurais e contribuíndo a manter as tradicións gandeiras e agroalimentarias.
Comments