Ca publicación no BOP de Pontevedra do documento, a “norma das normas” entrará en vigor
Laura Moure/Silleda
O Concello de Silleda, vén de recibir o certificado, emitido pola Xunta de Galicia, que acredita a inscrición no rexistro de planeamento de Galicia do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Silleda. “Este é o ultimo dos trámites ante a Xunta, polo que podemos xa publicar o PXOM no Boletín oficial para a súa entrada en vigor”, informa o alcalde Manuel Cuiña.
O PXOM, foi aprobado definitivamente o pasado 23 de decembro, nun acto de firma no que asistiu a conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Ángeles Vázquez. "Lamentablemente esa orde de aprobación, chegaba cunha amarga sorpresa da que non se tiña informado previamente ao concello: a anulación da Carballeira da Empanada como solo de desenvolvemento".
Este inesperado requerimento da Xunta, provocou, que o documento, xa aprobado, tivera que ser readaptado previamente a súa publicación no Rexistro de Planeamento, que é un requisito obrigatorio para a súa entrada en vigor.
O técnicos redactores do Plan, traballaron arreo e contrareloxo, da man dos servicios técnicos municipais e autonómicos para reorganizar todo o documento, que debeu de ser de dilixenciado de novo e remitido a Xunta para a súa última validación “e agora, por fin, chega esta inscrición que pon fin a toda a tramitación ante a Xunta de Galicia”
Superadas e resoltas todas as diferencias documentais e técnicas, agora o Concello, remitirá á Deputación de Pontevedra o documento para a súa publicación no Boletín Oficial “nuns días poderemos anunciar a entrada en vigor da norma das normas “ di o alcalde.
Manuel Cuiña, voltou a agradecer o traballo e o esforzo das e dos técnicos participantes neste proceso, tanto municipais como autonómicos, ao recordar todos os pasos e vicisitudes da tramitación, dende a aprobación inicial en decembro de 2012, pasando “por unha exposición pública modélica en todas as parroquias”, e a chegada da aprobación provisional en 2016, que foi denegada pola Xunta motivado pola sentencia que anulou os Plans Xerais de Verín e Monterrei, e que obrigaba a regularización das traídas municipais “un traballo duro e complicado que ralentizou o proceso”. Superado este escollo, chegou a segunda aprobación provisional, resolvéndose definitivamente o pasado mes de decembro.
“Botando a vista atrás só nos queda esquecer tanto anos de xestión técnica, atrancos e tramitacións burocráticas e celebrar que Silleda conta co instrumento co que crear máis solo industrial, construír vivendas no rural, ter novas zonas de edificación nos cascos e ampliar o solo para dotacións públicas e servicios”
O alcalde di sentirse moi honrado por ter participado tamén como Concelleiro de Urbanismo na tramitación deste documento, e agradeceu tamén o traballo de Klaus Brey e Pilar Peón que ocuparon esta carteira uns anos, pero fixo especial mención a Paula Fernández, quen ,"asumindo o cargo de concelleira de urbanismo, iniciou no seu día a tramitación do documento, e agora a finaliza”.
Comentarios