top of page

O PSOE pídelle a Somoza que obrigue ós seus compañeiros a cambiar o proxecto da rúa Gumersindo Areán

Ademais, os socialistas de Rodeiro fan corresponsable do actual "despropósito con esta obra" á candidata popular á Alcaldía


Ecos da Comarca/Rodeiro

O PSOE de Rodeiro reclámalle a Cati Somoza, candidanta popular á Alcaldía deste municipio, que obrigue aos seus compañeiros de goberno a modificar o proxecto da rúa Gumersindo Areán e faina corresponsable do actual "despropósito con esta obra".

O candidato socialista, José Luis Camiñas, en días pasados supervisando esta obra.

"Dado que o goberno local do PP de Rodeiro fixo oídos xordos á reclamación do PSOE de que é urxente modificar o proxecto da rúa Gumersindo Areán", os socialistas reclámanlle á candidata popular, Cati Somoza, que obrigue aos seus compañeiros de goberno, cos que ela traballou e traballa man a man, a que cambien totalmente "este desprósito que día a día están consumando no centro do pobo". "Cati Somoza, que non é ningún merlo branco senón que ten as mans manchadas con toda a inoperancia do PP nos últimos anos, porque ela tamén formou parte da comparsa na que se converteu o goberno local, no que uns e outros entraron e saíron pensando sempre nos seus intereses persoais e non no compromiso adquirido coa cidadanía, debería obrigar aos seus compañeiros a cambiar o proxecto desta rúa", considera o PSOE. "Ela non vai chegar a ser alcaldesa pero, no tempo que queda ata que cambie o goberno de Rodeiro e o PSOE poida mudar o rumbo das cousas, pode e debería facer algo polo seu pobo e non permitir que, unha vez máis, unha inversión contundente se converta nun problema e alporice aos veciños", sinala o candidato e secretario xeral local dos socialistas de Rodeiro, José Luis Camiñas.


O PSOE apunta que, de continuar a obra polo mesmo camiño polo que vai, Cati Somoza será corresponsable de que ese proxecto, en lugar de mellorar, empeore a situación do casco urbano de Rodeiro. Lémbralle a Somoza que, cando estaba na oposición e gobernaba o PSOE, "enchía a boca criticando a colocación de farolas en zonas onde non había apenas iluminación e, sen embargo, os seus compañeiros converten agora a rúa Gumersindo Areán nunha sorte campo de luces que non ten traza nin estética nin funcional. Vaise preocupar agora a candidata do PP polo gasto enerxético ou está dacordo co lucerío que puxeron os seus?", di Camiñas.

"Conscientes de que o cambio de goberno está próximo, son moitos os veciños se dirixen aos socialistas de Rodeiro para facerlles preguntas ante o despropósito desta obra. Como van xirar os camións no cruce do Estraloxo, ao quedar esta rúa de sentido único?Onde se vai aparcar? Onde se van colocar as orquestas, cando haxa dúas formacións grandes tocando, como acontece en cada San Antonio? E se hai que poñer unha carpa grande no caso de choiva, onde se coloca?". O PSOE trasládalle estes interrogantes ao Goberno local, "do que Cati Somoza foi pilar fundamental" "Se non se cambia o proxecto, Somoza será tan responsable del como os que agora mesmo están gobernando que, a fin de contas, son os seus compañeiros de partido", recalca a bancada socialista.


0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page