Demanda un expediente único e que se proceda a devolución de maneira automática
Laura Moure/O Pino
O grupo municipal socialista do Pino rexistrou unha moción onde reclama que se proceda a devolución da taxa da recollida do lixo ao pequeno comercio e á hostalería local. Demanda que se emita un expediente/acto único para proceder a devolución da parte proporcional do servizo que non se prestou durante o ano 2020 por mor das distintas restricións sanitarias. E que este acto se aplique de forma automática, suprimindo as solicitudes individuais por parte de cada suxeito pasivo.
“Nestes casos, o máis lóxico é aplicar un procedemento global, tipo decreto, para que funcione de maneira áxil e eficaz, evitando máis papeleo e trámites aos autónomos e empresarios”, sinalan desde o PSOE do Pino.
Os socialistas tamén indican que “este mesmo procedemento se deberá levar a cabo no exercicio 2021 debido á falta de iniciativa do goberno local. O alcalde e o seu equipo non foron capaces de traer ao pleno a modificación de ningunha ordenanza fiscal co obxecto de aprobar os distintos tipos de bonificacións que permite a lei. Actúan sempre tarde, mal e arrastro e o único que saben vender é fume”, critican.
Comments