"Acordouse no pleno acometer unha actuación urxente na primeira quincena de abril. Remata o mes e nada se fixo", denuncian os socialistas
Ecos da Comarca/O Pino
O PSOE do Pino vén de rexistrar un escrito dirixido ao alcalde onde lle lembra o compromiso adquirido no pasado pleno do 31 de marzo a raíz dunha moción rexistrada polo grupo socialista. "Acordamos, no debate da nosa moción, que o Concello levaría a cabo unha actuación urxente e provisional na estrada que vai desde o Pedrouzo a Bama, e que como máis tardar, segundo as palabras do alcalde, se executaría nos primeiros quince días de abril, remata o mes e a estrada segue sen amañar”, denuncian.
O PSOE local critica "o nulo interese que vén mostrando neste asunto, ano tras ano", o Partido Popular do Pino. "Levamos anos reclamando o amaño desta estrada, falamos dun tramo de pouco máis dun quilómetro, que usan tantos os veciños e veciñas do Pino como os de Touro, que se atopa nun estado máis que lamentable, e canto máis se reclama o amaño máis se ignora e máis se atrasa, no suposto caso que os populares de O Pino o estean a facer adrede, ao menos que sexan valentes e o recoñezan”, indican os socialistas.
Vídeo publicado polo PSOE do momento do pleno no que se fai a promesa de arranxar este vial.
Comments