Sinala que "algúen intencionadamente intenta enganar aos veciños botándolle as culpas a Demarcacións de Estradas canto este organismo non ten a competencia na rede de transporte público de Galicia"
Ecos da Comarca/O Pino
A veciñanza da parroquia de Castrofeito, no concello do Pino, desde a posta en marcha do tramo da autovía Lavacolla-Arzúa da A54, demanda a reposición da parada de autobús de Castrofeito na liña que une as cidades de Santiago e Lugo, tal e como xa publicamos hai semanas en ECOS DA COMARCA. "A última demanda da veciñanza afirmaba que a reposición dependía da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, cando isto é totalmente falso”, recalcan desde o PSdeG do local.

O Grupo Municipal Socialista, tras esta última denuncia, sinala que volveu a interesarse polo asunto, contactou coa Demarcación de Estradas e puido comprobar que “a día de hoxe non existe ningunha petición nin por parte de Mobilidade (Xunta de Galicia), nin por parte do Concello de O Pino, para fixar a nova localización da parada nos marxes da N-634”, afirman.
Así mesmo indican que “no ano 2019 foi Demarcación de Estradas a que solicitou, en varias ocasións, a Mobilidade da Xunta posibles localizacións da parada suprimida, sen que este organismo tivera nunca unha proposta firme, escusándose sempre a Consellería de Mobilidade na negociación que tiña que levar a cabo coas concesionarias das liñas afectadas, Lugo-Santiago e Burela-Santiago”, sinalan os socialistas.
Por último, o Grupo Socialista do Pino, solicita "que non se engane a veciñanza só co afán de confrontar, que tanto a administración local como a autonómica solucionen o problema, e que deixen dunha vez por todas de escorrer o vulto".
NOTICIA RELACIONADA:
Comments